Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
30-10-2020

O Concello de Fene anuncia a suspensión do acto de entrega dos Premios Curuxa e o aprazamento da primeira función do “Novembro, mes do humor”

Perante o incremento de contaxios por Covid-19 e o agravamento da situación sanitaria na bisbarra e, particularmente, no Concello de Fene, o Goberno Municipal de Fene acordou suspender o acto de entrega dos Premios Curuxa 2020 que ía ter lugar o venres da vindeira semana, 6 de novembro, no CMI Unidade de Fene. Tamén se apraza o espectáculo de Avelino González, “Contos que foron chistes”, previsto para ese mesmo día no marco do ciclo “Novembro, mes do humor” , e a función de Moc Moc Saltimbanqui organizada para o sábado 7 de novembro na Praza do alcalde Ramón José Souto González.
22-07-2020

Sebastiá Martí Benedí e Hugo Feal Permuy son os gañadores do XXIV Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor de Fene, o xurado do XXIV concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Sebastiá Martí Benedí o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos) e a Hugo Feal Permuy o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos). Así mesmo, Robert John Holt Schmelzer e Luciano Ripio Molina alzáronse co segundo premio nas categorías Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente. O xurado estivo integrado, amais de polo alcalde de Fene Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura Justo Martínez Ardá, pola responsable do Museo do Humor Almudena Marcos, e polos humoristas gráficos Luís Davila, Sandra Lodi e Javier Jareño López-Cuervo (estes últimos, dous dos gañadores do certame en 2019).
16-10-2020

A exposición dos Premios Curuxa 2020 amósase no Museo do Humor até o 28 de novembro

A Casa da Cultura de Fene acolle estes días a exposición dos Premios Curuxa 2020, concurso de humor gráfico convocado polo Museo do Humor de Fene. A mostra consta de 55 obras entre as que salientan as dos artistas galardoados este ano: “Se nos quema”, de Sebastià Martí Benedí (1º premio na categoría Curuxa), “S/t”, de Robert John Holt Schmelzer (2º premio na categoría Curuxa), “Respira”, de Hugo Feal Permuy (1º premio na categoría Curuxa Nova) e “Ciclo”, de Luciano Ripio Molina (2º premio na categoría Curuxa Nova). Tamén se amosan os debuxos finalistas do certame, "Infrinxindo as normas", de Manuel Arriaga de León, e “Vacacións Mundiais Z”, asinado por Lucas Sixto Carballeira.
20-07-2020

O xurado do XXIV Concurso de humor gráfico “Curuxa do Humor” reúnese este mércores

O humorista gráfico Luís Davila, “O bichero”, xunto coa gañadora do 2º premio Curuxa 2019, Sandra Lodi, e o do 1º premio Curuxa Nova 2019, Javier Jareño López Cuervo, son os debuxantes convidados que formarán parte este ano do xurado dos Premios Curuxa 2020, convocados polo Concello de Fene (Museo do Humor). Tal e como se establece nas bases do certame, o xurado estará presidido polo alcalde de Fene, Juventino Trigo e -xunto cos tres artistas convidados- formarán parte do mesmo o concelleiro de Cultura, Justo Ardá e a coordinadora do Museo do Humor, Almudena Marcos (que actuará como secretaria). Trala xuntanza, que terá lugar este mércores ás 12.00 horas no Museo do Humor, o Concello de Fene dará a coñecer o nome dos/as gañadores/as do certame este ano. 
09-06-2020

O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia deste martes 9 de xuño, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor. As persoas interesadas en participar, poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, Fene) até o vindeiro 10 de xullo.
05-06-2020

O Museo do Humor de Fene reabre ao público o luns 15 de xuño

O centro funcionará nesta primeira etapa baixo o sistema de cita previa

Xa hai data para a reapertura do Museo do Humor de Fene. Unha vez concluido o proceso de redacción, estudo e aprobación do correspondente protocolo e de adaptar a instalación para a nova “normalidade”, a Concellería de Cultura anuncia que será o vindeiro luns 15 de xuño.  Tanto no caso do museo como da biblioteca municipal (que tamén reabre as súas portas nesa data), aplicaranse unha serie de medidas e cambios no funcionamento habitual dos servizos para garantir a seguridade de todas as persoas.
18-05-2020

Día dos Museos 2020

Cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional dos Museos) organiza nesta data o Día Internacional dos Museos co obxectivo de concienciar sobre o feito de que estes centros "son un importante medio para o intercambio cultural, para o enriquecemento das culturas e para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz". Neste 2020, o Museo do Humor de Fene non poderá celebrar a súa festa tal e como estaba previsto. Por mor da crise sanitaria provocada polo Covid-19, a Concellería de Cultura do Concello de Fene viuse na obriga de adiar o espectáculo de David Amor que programara para esta mesma tarde.
07-04-2020

O Museo do Humor pon en marcha a actividade "Peque-humoristas en acción!" no marco do programa #Fenequedanacasa

PEQUE-HUMORISTAS EN ACCIÓN! é una actividade dirixida aos máis pequenos da casa aos que pedimos que pensen naquelas cousas que os divirten e que, á vez, poden axudar a facer rir aos demais. Se un neno/a sabe debuxar, pode facer un debuxo humorístico ou un chiste gráfico. Se ten una gracia especial para contar chistes, pode gravar un audio ou un vídeo co mellor chiste que coñeza. Tamén pode enviar un pequeno monólogo humorístico, una foto graciosa ou una imitación dalgún personaxe famoso. O caso é rirmos un pouco nestes tempos de confinamento nos que #Fenequedanacasa.
25-03-2020

Queres participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico "Curuxa do humor 2020"?

O Concello de Fene vén de aprobar as bases dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” aínda que, por mor da suspensión de prazos para a tramitación de procedementos administrativos, polo de agora non se poden publicar as mesmas na Base Nacional de Subvencións nin o extracto no Boletín Oficial da Provincia, trámites necesarios para completar o procedemento e “abrir” oficialmente o prazo de presentación de obras. Malia todo, dende a Concellería de Cultura anímase aos/ás debuxantes a que vaian preparando os seus debuxos. As obras só poderán enviarse unha vez estea normalizada a situación e se poidan publicar as bases na B.N.S. e no B.O.P., cuestións das que se informará a través da páxina web do Concello de Fene e das distintas redes sociais do Museo do Humor. 
24-03-2020

Visita virtual á exposición "Mundos etéricos" de Rosa Salanova

Perante a necesidade de restrinxir o contacto entre as persoas e co obxectivo de salvagardar á cidadanía dun posible contaxio do COVID-19, o Museo do Humor de Fene permanece pechado dende o pasado 13 de marzo. Como tamén permanece pechada ao público a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura onde penduran dende comezos deste mes de marzo os cadros da exposición “Mundos etéricos”, da pintora fenesa Rosa Salanova Shakti. Se ben a ameaza do coronavirus impide, polo de agora, visitar a exposición físicamente, afortunadamente a tecnoloxía nos permite facelo virtualmente. Agardamos que desfrutedes desta visita.