Queres participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico "Curuxa do humor 2020"?

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O Concello de Fene vén de aprobar as bases dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” aínda que, por mor da suspensión de prazos para a tramitación de procedementos administrativos, polo de agora non se poden publicar as mesmas na Base Nacional de Subvencións nin o extracto no Boletín Oficial da Provincia, trámites necesarios para completar o procedemento e “abrir” oficialmente o prazo de presentación de obras. Malia todo, dende a Concellería de Cultura anímase aos/ás debuxantes a que vaian preparando os seus debuxos. As obras só poderán enviarse unha vez estea normalizada a situación e se poidan publicar as bases na B.N.S. e no B.O.P., cuestións das que se informará a través da páxina web do Concello de Fene e das distintas redes sociais do Museo do Humor. 

Esta nova edición dos Premios Curuxa contempla dúas categorías: CURUXA, para maiores de 25 anos residentes no Estado español; e CURUXA-NOVA, para persoas de 16 a 25 anos residentes no Estado español (as persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, CURUXA, extremo que implica a renuncia á categoría CURUXA-NOVA). Os/as participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina)

As obras presentadas a concurso deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7x42 cms (A3).

Os traballos deberán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o/a autor/a deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo. Admítense traballos de humor mudo.

En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía dos mesmo con respecto ás edicións anteriores. Así, o/a gañador/a do 1º premio categoría CURUXA recibirá 2.000 € e diploma, e o/a gañador do 2º premio CURUXA recibirá 1.500 € e diploma. Para os/as autores noveis, os premios serán de 1.000 € e 500 € e diploma para os/as gañadores do 1º e 2º premio CURUXA NOVA. . Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.


A presentación de traballos a concurso implicautorización expresa ao Museo do Humor do Concello de Fene a utilizar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2020” realizarase durante o último trimestre do ano 2020.

Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2021.

Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese enviar un correo electrónico a museodohumor@gmail.com.

Vídeos