Noticias

25-04-2024

Fene inicia na Avenida de Tarrío o acondicionamento de beirarrúas coa técnica do formigón impreso

O Concello de Fene vén de poñer en marcha o Plan de Acondicionamento de Beirarrúas, que ten por obxectivo amañar as beirarrúas aplicando unha solución duradeira. Os primeiros traballos estanse a desenvolver na Avenida de Tarrío, onde se sitúan o Centro de Saúde, varios centros escolares e diversos establecementos de hostalería e comerciais.


Ao abeiro deste Plan, o persoal dos departamentos de Obras e Servizos están a empregar a técnica do formigo impreso, consistente na aplicación dun revestimento de formigón coloreado sobre unha superficie previamente preparada. Posteriormente, estámpanse moldes con deseños específicos antes de que complete o secado, conseguindo unhas texturas que imitan materiais como lastras, ladrillos ou pedra natural, que ao secar, quedan adheridos á superficie.

24-04-2024

Máis de 100 caniches de todo o Estado daranse cita este sábado en Fene na II Canichada de Galicia

110 cans de raza caniche están apuntados para participar na “II Canichada de Galicia”, que acollerá o Concello de Fene o sábado 27 de abril. O encontro, organizado pola Asociación Fomento del Caniche Club en España, celebrarase no Pavillón A Xunqueira, en San Valentín, onde están programadas actividades durante toda a xornada.

O evento iniciarase ás 11.00h coa recepción dos caniches participantes, e ás 11.30h haberá unha charla de perruquería canina, a cargo de Thiago Noel Ferreira. Contra as 12.00h terá lugar o desfile do Entroido, e ás 16.00h unha xornada de educación canina, aberta ao público e na que serán benvidos tamén cans de outras razas. O evento rematará ás 18.00h con grandes sorteos dos patrocinadores. Ademais, todo o recadado coas fotografías do evento será doado á Asociación Cometa.

Formación especializada en Alzheimer e Demencias

A Casa da Cultura de Fene acollerá os días 7 e 9 de maio un curso sobre Formación especializada en Alzheimer e Demencias, será de 16 a 18h e está dirixida a veciñanza de Fene e especialmente recomendada para familias e coidadores/as non profesionais de persoas que padecen Alzheimer ou outra demencia, ou dependentes en xeral.


Nova xuntanza do Club de Lectura da biblioteca de Fene con presenza do escritor mugardés Pablo J. Rañales

Sobre o libro Os afogados (Premio Illa Nova de Narrativa 2023), de Pablo J. Rañales, xirará este mércores unha nova sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene. A xuntanza desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18.00 a 19.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste novo encontro.


Últimos días para visitar na Casa da Cultura a exposición da escola de cerámica da asociación Cerámica e Máis de Fene

O vindeiro luns, 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do alumnado da escola de cerámica que dirixe en Fene Carme Romero, no seo da asociación Cerámica e máis. Ao longo desta semana a mostra aínda pode visitarse en horario: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas. “Pezas de cerámica realizadas ao xeito tradicional pero cunha visión actual” forman esta colección coa que nos mergullamos, en palabras de Carme Romero “na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea; barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”.


Axenda

Tamén en fene.gal