Dixomedíxomes
A Casa da Cultura de Fene acollerá este venres, ás 19 horas, a inauguración da exposición Antes da obra: el entrenamiento, do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity de Fene. A mostra reúne unha selección de exercicios realizados ao longo do curso no centro e, “lonxe de presentar obras finais, pon o foco nos procesos de aprendizaxe que sosteñen a práctica artística”. Ademais, amosaranse obras realizadas con distintas técnicas (pintura ao temple, debuxo, escultura, gravado, cianotipia... e outros formatos contemporáneos).
A VI Mostra de Alumnos Laudas Calamity poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene até o vindeiro 12 de xuño, en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
O Museo do Humor Xaquín Marín abre o prazo para apuntarse ao obradoiro de cómic que impartirá a autora de cómic e ilustradora Inés Vázquez (A Coruña, 1993). A actividade, dirixida a mozas e mozos a partir dos 8 anos e persoas adultas, terá lugar no propio museo o luns 18 de maio, a partir das 18 horas. As inscricións, de balde, deberán realizarse enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal, indicando nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. O número de prazas é limitado (15), cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición ate completar o aforo. Actividade organizada co gallo da conmemoración do Día dos Museos 2026.
Estruturado nunha parte teórica e noutra práctica, o obradoiro comezará cun achegamento ao proceso creativo dunha banda deseñada desde cero: guión, storyboard, composición de páxina, así como aos recursos gráficos e narrativos que ofrece este sorporte.
Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia núm. 34, do venres 20 de febreiro de 2026, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas en participar poderán enviar ou presentar os seus debuxos no Rexistro Xeral municipal até o vindeiro 31 de maio. Como novidade, o concurso vai dirixido este ano a artistas residentes na Península Ibérica (España e Portugal), ampliando o seu ámbito xeográfico xa que, até o de agora, podían participar no certame unicamente persoas residentes no estado español.
Novamente, nesta edición haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. E mantense a exclusión de obras realizadas total ou parcialmente con intelixencia artificial, estipulándose que calquera obra creada coa axuda da IA “quedará automáticamente excluida do certame. As obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.
