O museo

Museo do Humor   O museo

A educación artística é fundamental para desenvolver a capacidade creativa, incrementar o coñecemento cultural e exercitar a sensibilidade das persoas. A arte ofrece ao espectador visións, soños, medos, lembranzas, transpórtao a mundos fantásticos, captura momentos cotiás e transmite valores. 

Por qué, en ocasións, cando alguén visita un museo, no canto de dar mostras de entusiasmo e interese polo que ve, semella canso ou, mesmo, aburrido?

No Museo do Humor de Fene iso non acontece. O noso obxectivo é entreter e divertir aos visitantes pero, tamén, facelos reflexionar sobre aquilo que ven durante a súa estadía no museo. 

O Museo do Humor de Fene é un centro singular e único en Galicia. Na actualidade amosa ao redor de 300 orixinais de humoristas gráficos galegos e de todo o mundo. 

Unha visita ao Museo do Humor de Fene permite, en primeiro lugar, achegarse á figura do que foi o seu principal impulsor, o debuxante Xaquín Marín. Con este punto de partida, o percorrido polas distintas salas do museo proporciona aos visitantes un contacto cos principais referentes do humor gráfico galego, nacional e internacional. Desde os clásicos como Xaquín Marín, Siro, Reimundo Patiño, Quesada ou Forxán, aos actuais como Luís Davila, Pinto&Chinto, Andrés Meixide, Kiko Dasilva, Leandro Barea ou Miguelanxo Prado.

Ademais, o Museo do Humor de Fene conta cun recuncho reservado á caricatura e con dúas salas temáticas adicadas, por un lado, ao humor negro e, por outro, á banda deseñada. 

Aínda que o humor gráfico, nas súas diferentes vertentes, continúa a ser o elemento central sobre o que xira a exposición permanente do Museo do Humor, nas súas dependencias amósanse tamén:

  • Obxectos graciosos ou curiosos como as figuras do "Galego nas escaleiras", a "Cabeza galega", o “Gaspariño”, o “Carrabouxo”, o “Trono do demo”, etc.
  • Espellos cóncavos e convexos nos que os visitantes poden rir a esgalla, observando a súa imaxe deformada.
  • Colección de pedras e obxectos de uso cotiá, pintadas por Serafín (doazón de D. José Luís Olavarría). 
  • Diversas publicacións como as coleccións do "Sapoconcho" (revista do Museo do Humor", "Retranca" ou exemplares antigos de"La Codorniz" ou "El Jueves".