O alumnado da escola de cerámica da asociación Cerámica e Máis expón na Casa da Cultura de Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Auga, terra, aire e lume. É o título da exposición que se inaugura este venres, 8 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A mostra inclúe unha colección de pezas elaboradas polo alumnado da escola que dirixe a ceramista Carme Romero no seo da asociación Cerámica e Máis de Fene. Tralo acto deste venres, que será aberto ao público en xeral, a exposición poderá visitarse até o 29 de abril en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado). Durante a Semana Santa, o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado).

Sobre a exposición, Carme Romero afirma que é unha mostra da “cerámica aprendida de maneira tradicional pero traída ao noso tempo. Mergullámonos na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea. Barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”. Os/as artífices das pezas son: Antolín, Chus, Coté, Cristina, Henrique, Rosa, Jaime, Lucía, Marina, Noe, Sé, Tere, Viqui, Xan Xé, Gelis, Maribel, Uxía D, Leopoldo, Uxía e Xaime.

A escola de cerámica de Carme Romero creouse no ano 2013, funcionando primeiro no Muiño do Pombal con AETNA. En 2023 trasladouse ao Grupo Escolar Concepción Arenal, coa Asociación Cerámica e máis. Neste obradoiro, o método de ensinanza da figura é singular, “nada desde o oco, co barro que rodea o aire e que có golpeo traballa a forma e o volume”. Ademais, a decoración é artesanal. Emprégase corda seca ou grafito para encher os debuxos, grecas con engobes ou esmaltes.

Carme Romero. Ceramista desde o ano 1999. Logo de residir en Madrid varios anos, retornou a Fene, a súa vila natal, no ano 2011. Leva impartindo clases e aprendendo a traballar a cerámica desde o ano 2002 até a actualidade.