Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
15-11-2021

Avelino González pecha este venres o Novembro, mes do humor, do Museo do Humor de Fene

Xa esta aberto o prazo de reserva de invitacións para o espectáculo Contos que foron chistes que o monologuista e actor Avelino González ofrecerá este venres, 19 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no Novembro, mes do Humor que a Concellería de Cultura está a desenvolver ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo, que comezou o pasado 5 de novembro con Duarte Galbán e continuou o día 12 con Marita Martínez, pecha esta semana con Avelino González sobre o escenario. A función será con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
09-11-2021

A monologuista e actriz Marita Martínez protagoniza a segunda función do Novembro, mes do humor

Quéroche un conto, é o título do espectáculo que a monologuista e actriz Marita Martínez presentará este venres, 12 de novembro, a partir das 20.00 na Casa da Cultura de Fene. A función encádrase no Novembro, mes do Humor que a Concellería de Cultura organiza ao redor da conmemoración do aniversario do Museo do Humor. O ciclo comezou o pasado venres con Duarte Galbán e, trala función desta semana, concluirá o venres 19 de novembro con Avelino González sobre o escenario. Todas as función son con entrada de balde e aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal, por whatsapp 607 625 357 ou no teléfono 981 340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.
25-10-2021

Volve o Novembro, Mes do Humor ao Museo do Humor de Fene

Duarte  Galván,  Marita  Martínez  e  Avelino  González  serán  os  protagonistas dunha nova edición do ciclo de monólogos que a Concellería de Cultura de Fene organiza para conmemorar o aniversario do Museo do Humor (inaugurado o 24 de novembro de 1984). O Novembro, mes do humor botará a andar o venres 5 de novembro con Duarte Galbán e o espectáculo Vello aos vinte e pico. O día 12 actuará Marita Martínez e o 19 de novembro pechará o ciclo con Avelino González. Todas as funcións serán ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada balde pero con aforo limitado. Reserva de entradas a través do correo cultura.deportes@fene.gal,  por  whatsapp  607  625  357  ou  no  teléfono  981  340 366, indicando o nome e apelidos das persoas que queiran asistir e un teléfono de contacto.  
05-10-2021

Exposición do pintor J.M. Pereiro na Casa da Cultura de Fene

A Casa da Cultura de Fene acollerá durante o mes de outubro unha exposición de óleos do pintor fenés J.M. Pereiro. A mostra inaugúrase este venres, 8 de outubro, ás 19.30 horas na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura (Avda. De Conces, 20-22) e poderá visitarse ata o vindeiro día 30. Horario de visitas: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Domingos e festivos, pechado.
26-07-2021

A exposición de Viñetas do Camiño recolle unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, inaugurou a exposición que recolle as obras realizadas polos artistas que participaron na “Andaina Debuxada” que se desenvolveu os días 12 e 13 de xuño dentro do proxecto “Viñetas do Camiño”, incluído no programa O Teu Xacobeo 21. O acto tivo lugar nas inmediacións do concello fenés, preto do río Cádavo, lugar onde quedou emprazado un dos seis cubos que compoñen esta mostra ao aire libre. Xunto con el, participaron na cerimonia a xefa territorial na Coruña da Vicepresidencia Primeira da Xunta, María Barreiro Lázare, así como os concelleiros de Cultura, Justo Martínez, e a de Turismo, Ana Basoa; e Calros Silvar, en representación dos artistas.
22-07-2021

As obras realizadas co gallo da andaina debuxada poderán visitarse dende mañá venres

O froito creativo de “Viñetas do Camiño” materializarase na xornada de mañá venres nunha exposición ao aire libre que recollerá os vinte e catro debuxos realizados pola ducia de artistas que participaron na “Andaina Debuxada” dos días 12 e 13 de xuño, no marco do proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
21-07-2021

Emoción, lembranzas e risos na entrega dos XII Premios Rosalía de Castro de Lingua da Deputacion da Coruña

A celebración da entrega dos Premios Rosalía de Castro 2021 a carón do Museo do Humor de Fene espertou nalgúns dos protagonistas do acto, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Fene, vellas e divertidas lembranzas que conduciron aos presentes a esa “patria da infancia” á que se refería primeiro o gañador do certame na categoría de “Persoas”, Xaquín Marín, e posteriormente o artista que engalanou a xornada: o compositor, músico e cantante Xabier Díaz. O acto desenvolveuse segundo o previsto e cun amplo respaldo da veciñanza de Fene e bisbarra, ao redor de 150 persoas que non quixeron perder a ocasión de arroupar na entrega dos premios a un dos seus veciños ilustres. Tamén recolleron senllos galardóns a vicepresidenta da Agrupación Astronómica Ío, Carmen Denébola Álvarez Seoane, en representación da “Entidade” recoñecida este ano, e Carlos García Vieito, promotor e xerente de Twitter en galego, o “Proxecto” premiado en 2021.
16-07-2021

Xaquín Marín recibirá o vindeiro martes en Fene o Premio Rosalía de Castro que convoca a Deputación da Coruña

Fene será escenario este ano da entrega dos premios Rosalía de Castro de Lingua, certame que promove a Deputación Provincial co obxectivo de “recoñecer a personalidades e iniciativas que traballan na promoción do galego en todos os ámbitos”. O acto terá lugar o martes 20 de xullo ás 20.30 horas na Pista Municipal de Fonte do Campo, a carón do Museo do Humor de Fene, e contará coa presenza dos premiados, da deputada provincial de políticas de normalización lingüística, María Muíño Filgueira, e do alcalde de Fene, Juventino Trigo. Ao remate do acto, como colofón, subirá ao escenario de Fonte do Campo o cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional Xabier Díaz.
14-07-2021

O espectáculo “Son un monstro”, de Gala Martínez, protagoniza a terceira función do ciclo Humor Peregrino

“Son un monstro. Canto máis me coñezo peor me caio. Vou contar que son a peor persoa do mundo. Paseime a metade da miña vida sendo un vítima, a boa, a que cedía sempre… Agora prefiro ser unha déspota. Eu son adicta a calquera cousa, por exemplo aos bolis Bic. Non lle vexo inconvinte a nada. E son a peor amiga do mundo…”. Así se presenta a actriz e xornalista Gala Martínez que este venres sube ao escenario da Casa da Cultura de Fene no marco do ciclo “Humor Peregrino”. A función comezará ás 21 horas con entrada libre e de balde até completar aforo (50 persoas).
12-07-2021

Alexandre Sequeiros Camiña e Nuria Martínez Carbó son os gañadores do XXV Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor de Fene

Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor de Fene, o xurado do XXV concurso de humor gráfico Curuxa do Humor acordou outorgar a Alexandre Sequeiros Camiña o primeiro premio Curuxa (categoría para maiores de 25 anos) e a Nuria Martínez Carbó o primeiro premio Curuxa Nova (categoría de 16 a 25 anos). Así mesmo, Fernando Iglesias Mouta, "Kohell", e Sarai Outeiral Ces alzáronse co segundo premio nas categorías Curuxa e Curuxa Nova, respectivamente.