O Concello adxudica as obras de aglomerado do camiño de Ameneiro por 40.472,36 euros

O Concello adxudica as obras de aglomerado do camiño de Ameneiro por 40.472,36 euros

O alcalde, Gumersindo Galego, apunta que a actuación na parroquia de Sillobre executarase con cargo ao Plan de Mellora de Camiños de Agader

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, informou esta mañá da adxudicación das obras de aglomerado do camiño de Ameneiro, na parroquia de Sillobre cun investimento de 40.472,36 euros. Unha partida que a Administración local financiará ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).


Nesta liña, Gumersindo Galego sinalou que a intervención supón unha demanda histórica dos veciños e veciñas de San Marcos, pero ata o momento incumprida polas limitacións que traía consigo a presenza dunha árbore centenaria na zona, sita en propiedade privada. Tras décadas de inacción, en 2018, a Concellería de Servizos que dirixía o popular Andrés Serantes realizaba unha pequena intervención e, ao final da pasada lexislatura, o goberno de Gumersindo Galego incluía a actuación agora adxudicada nesta liña de axudas. Para iso, establecía neste punto o aglomerado nun ancho de vial inferior á previsión do Plan Xeral de Urbanismo, pero con marxe suficiente para garantizar a circulación polo mesmo e dar solución ao seu grave estado de deterioro.


Deste xeito, actuarase ao longo de 450 metros, e ancho variable. O vial dá acceso, dende a estrada CP-1503, aos núcleos de A Curveira e Vrea e as obras dividiranse en dúas fases: dende o P.K. 0+000 ao P.K. 0+258,614 e dende este último ao P.K. 0+450.