A ASCM pechou en Fene o seu roteiro pola mobilidade

A ASCM pechou en Fene o seu roteiro pola mobilidade

Conmemoraba así a Semana da Mobilidade Europea, coa iniciativa "Xente!! Senta e Sente"

A ASCM remataba no día de onte en Fene o seu roteiro pola Semana da Mobilidade Europea coa súa iniciativa reivindicativa "Xente!! Senta e Sente". O obxectivo é o de concienciar aos representantes políticos sobre a necesidade de pensar en clave de accesibilidade universal. Esta parada completaba o ciclo que a ASCM comezaba o pasado luns en Neda e que continuaba o martes, neste caso, no concello de Narón.


O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, acompañado polos concelleiros Juana Barro, Tamara Miragaya, Juventino Trigo, Sandra Permuy, Mari Carmen Martínez e Ángeles Coira e asesorados, todos eles, pola equipa de Voluntariado Inclusivo da ASCM, realizaron un percorrido polos aledaños da casa consistorial, experimentando en primeira persoa o que supón desprazarse en cadeira de rodas.


A finalidade é concienciar e sensibilizar sobre os puntos negros da accesibilidade existentes na comarca de Ferrolterra e facer visibles os pequenos obstáculos e barreiras aos que se ten que enfrontar o colectivo nas actividades máis cotiás: sacar cartos do caixeiro, facer a compra, facer uso dos aseos públicos, etc.
Tanto a administración fenesa como a entidade valoraron a experiencia como moi positiva e operativa, dada a importancia de xerar sinerxias entre a Administración e os organismos do Terceiro Sector de cara a dar cobertura ás necesidades e demandas da sociedade.
O carácter desta iniciativa está aberto á participación de toda a cidadanía. Se hai algún concello ou organismo interesado en desenvolver a proposta, a ASCM estará encantada de atender as súas consultas no 981 35 14 30 ou no mail comunicacionascm@gmail.com. Para atención presencial, a asociación ten a súa sede en San Roque e Ánimas, Bloque 2, Baixos 18-19 en horario de luns a venres: 9.30 h. a 13.30 h. e de 16.00 h. a 20.00 h.