O Concello dá vía libre á licitación das obras para cubrir a pista deportiva do CEIP Centieiras e aglomerar a rúa Porto do Río

O Concello dá vía libre á licitación das obras para cubrir a pista deportiva do CEIP Centieiras e aglomerar a rúa Porto do Río

O pleno aprobou o último trámite previo para sacar a contratación as intervencións, que contan cun orzamento conxunto superior ós 410.000 euros

As obras para cubrir a pista deportiva do CEIP Centieiras e para acondicionar a rúa Porto do Río superaron o último trámite administrativo previo á súa licitación. O pleno, reunido o mércores pola tarde, daba o seu visto bo á proposta do goberno municipal que integran PP e Somos Fene para declarar ambas intervencións, como marca o procedemento, investimentos financieramente sustentables. Así, o alcalde, Gumersindo Galego, explicou que agora os acordos publicaranse no BOP e pasarán a exposición pública por espazo de 15 días, tras o cal o Concello estará en disposición de sacar a contratación as obras.

O rexidor lembrou que se financiarán con cargo ó superávit, despois de que o goberno local levase a pleno para a súa aprobación en agosto unha modificación de crédito para dotalas de orzamento. Así, o Concello destinará 373.450,14 euros á cubrición da pista deportiva, namentras que investirá outros 30.000 euros na reforma do firme da rúa Porto do Río.

En ambos casos, son intervencións longamente demandadas pola veciñanza que, tras os trámites realizados, poderán converterse nunha realidade nos próximos meses.