Galicia rendirá homenaxe a Sito Sedes este domingo en Sillobre

Galicia rendirá homenaxe a Sito Sedes este domingo en Sillobre

Lenda viva da música, o mítico cantante de Los Satélites subirase de novo ó escenario xunto á súa orquestra da man do Concello de Fene

Galicia rendirá homenaxe este domingo, 7 de outubro, ó gran Sito Sedes, mítico cantante da non menos mítica orquestra Los Satélites e figura de referencia na cultura popular galega durante anos. Esa homenaxe, máis que merecida, terá lugar en Sillobre, a parroquia da súa infancia e mocidade, organizada polo Concello de Fene coa colaboración coa AVV e compañeiros de profesión do músico. Comezará ás sete do serán no adro da igrexa de Sillobre e, esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego, xunto ó concelleiro de Promoción Turística fenés, Juan José Franco; o presidente da entidade veciñal, José Novo, e o propio Sito Sedes presentaban o programa do acto.


Sen dúbida, o principal reclamo será a voz de Sito Sedes, que volverá a subirse ó escenario xunto a Los Satélites, para rememorar a época dourada que viviu xunto á orquestra. Catorce anos de xiras por toda España, países europeos e incluso América; catorce anos de festivais, participacións televisivas a nivel estatal; colaboracións cos máis grandes artistas do país, grabacións de LPs con EMI e incluso un disco de ouro. Tampouco faltarán temas do seu último traballo, Nostalxia, disco propio publicado en 2016. Así mesmo, aínda sen querer desvelar demasiados datos para evitar frustrar algunha que outra sorpresa para o homenaxeado, o edil Juan José Franco avanzou que a gala contará coa presenza dun bo número de amigos e compañeiros de Sito Sedes, cos que compartirá nalgúns casos escenario este domingo. Entre eles, Antón Reixa, Xurxo Souto ou Carlos Blanco.


Na rolda de prensa desta mañá, Juan José Franco sinalou que esta homenaxe tan só fai xustiza á grande figura que é Sito Sedes; avanzou tamén a chegada de compañeiros e amigos de toda Galicia, e incluso de Asturias, e apuntou que o acto inclúese no programa Fene Vivo Vén a Sillobre. Pola súa banda, o alcalde Gumersindo Galego invitou a todo o mundo a vir a Sillobre para escoitar a gran voz de Sito Sedes, nunha homenaxe que considerou moi merecida pola extraordinaria valía do músico. José Novo, en representación da AVV, asegurou que era un gran honor e orgullo ter a Sito Sedes en Sillobre e comentou que a asociación recibiu con satisfacción a invitación do Concello para colaborar na cita, xa que tamén a entidade tiña previsto organizar un acto destas características.
Finalmente, Sito Sedes sinalou que era a primeira homenaxe, non sabía se merecida, que ía recibir a título particular na súa terra. Asegurou que se ía sentir moi arroupado polo Concello e, sobre todo, por todo Sillobre, e que estaba convencido de que ía ver este domingo caras que o ían emocionar. Cantará, como afirmou, coa súa orquestra, que tanto lle ensinou e que tantas oportunidades lle deu. E agora, engadiu, chega a ocasión, a través desta homenaxe, de dicir a todo o mundo moitas grazas.


Con 72 anos, asegurou que lle veñen á memoria moitos recordos, especialmente coa forza que lle dá esta homenaxe. Recordos da súa infancia en Sillobre, a onde viu vivir con catro anos e de onde marchou con dezasete. Apuntou que o adro da igrexa, lugar no que se desenvolverá o acto do domingo, é o mellor escenario para el, xa que lle permite rememorar o tempo da súa nenez, cando se poñía en primeira fila para escoitar as orquestras nas festas. Festas como as de San Ramón, ás que viña toda a familia e nas que o seu pai, que asegurou tiña unha gran voz, cantaba tras o xantar a petición dos presentes.


O domingo será a segunda ocasión que actúe cos Satélites en Sillobre. Unha actuación que garda con moito cariño e, amais de desexar que todo saia ben, tan só ten un desexo: que a xente baile, que todos os amigos que acudan ó adro da igrexa o pasen ben.