Arranca en Fene o obradoiro de emprego INICIA III coa participación de 16 mozos e mozas

Arranca en Fene o obradoiro de emprego INICIA III coa participación de 16 mozos e mozas

Está organizado polos concellos de Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Neda e co-financiado polo Fondo Social Europeo e Xunta

 Un total de 16 homes e mulleres de entre 18 e 30 anos dos que 11 son veciños de Fene, buscarán a súa entrada no mercado de traballo a través da formación que lles ofrece o obradoiro de emprego INICIA III, que impulsan os concellos de Fene, Ares, Mugardos, Neda e Cabanas. Un programa que arrancaba a pasada semana e que se desenvolverá na nave municipal sita en San Marcos, parroquia de Sillobre, ata o vindeiro 27 de marzo.


Coincidindo co inicio do curso, o alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Formación, Juan José Franco, realizaban unha visita ó alumnado e destacaban as boas expectativas en canto a inserción laboral da especialidade que están a cursar: Fábricación e montaxe de instalacións de tubería industrial. Unha inserción laboral que, co INICIA II, acadou o 50% das persoas participantes.


Este obradoiro de emprego está subvencionado polo Fondo Social Europeo nun 91,89% e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, nun 8,11%, ata completar os 154.262,40 euros. Os requisitos esixidos para participar é ter entre 18 e 30 anos, estar inscrito-a no programa de garantía xuvenil e empadroado-a nalgún dos cinco concellos sinalados e, neste caso, contar con estudos mínimos de ESO ou equivalente.


O obradoiro ten unha duración de 960 horas, das cales 450 h son de formación teórico-práctica para a obtención do certificado profesional de nivel 2 Fabricación e Montaxe de Instalacións de Tubería Industrial, e 120 h de prácticas nas que realizarán traballos nos cinco concellos. A formación complétase con módulos transversais de Formación para Igualdade (16 h), Alfabetización informática (30 h), Sensibilización Ambiental (9 h), Formación empresarial e orientación laboral (60 h) e Educación básica (119 h).


Entre os traballos a realizar prevese: en Fene, a substitución da barandilla de protección do río na Avenida do Concello, a substitución da barandilla nas escaleiras de acceso á rúa Tras Cádavo cara o Monumento ó Pallaso; en Ares, traballos de fabricación mecánica e de instalación de tubos que conforman as varandas na Praza da igrexa ata o paseo marítimo, traballos de fabricación mecánica e de instalación de tubos que conforman as varandas na Avda Mugardos e traballos de fabricación mecánica e de instalación de tubos que conforman as varandas do campo de fútbol, e en Mugardos, fabricación de base modular para escenario.