O pleno do Concello de Fene aproba as obras do POS+

O pleno do Concello de Fene aproba as obras do POS+

O Concello de Fene celebrou este mércores 22 de febreiro un pleno urxente co debate centrado na distribución dos 775.000 euros do Plan Único de Concellos POS+ da Deputación da Coruña. Na xuntanza da Comisión de desenvolvemento do territorio tanto os grupos do bipartito -BNG e EU- como o PP e o PSOE aprobaron por unanimidade os paquetes de obras que se acollerán ao plan provincial. Un consenso inédito nos últimos meses que, porén, non se escenificou feste mércores no pleno, xa que populares e socialistas optaron por absterse.

Deste xeito os proxectos e a distribución dos fondos do plan único saíron adiante só cos votos de BNG e EU. Na sesión tamén se lle deu o visto e prace ao proxecto do saneamento no camiño do Sartego, financiado igualmente pola Deputación e cun importe de 129.000 euros.

O montante que lle tocou a Fene ascende as algo máis de 775.251 euros -340.482 de achega fixa desta anualidade, 209.527 procedentes da anualidade 2016 e 225.482 como préstamo-, unha cantidade que incluso se incrementará ao longo do exercicio, posto que o POS+ tamén é un programa dinámico que lles permitirá aos concellos recuperar as baixas que se produzan nos procesos de contratación de obras.

A Comisión de desenvolvemento territorial e do medio aprobou onte a distribución cos votos favorables de todos os grupos -agás Somos Fene, ausente-. Arredor de 282.000 euros irán para gasto corrente, algo máis de 30.000 euros para a redución de débeda, uns 20.000 para a redacción de proxectos e máis de 460.000 para obras (17.000 euros ponos o Concello á marxe do POS+).

Malia todo, o acordo exhibido este mércores de portas para adentro non foi o que se mostrou publicamente no pleno, posto que PP e PSdeG-PSOE se abstiveron (Somos Fene non asistiu á sesión). Esa abstención permitiu sacar adiante o POS+ cos cinco votos dos socios de goberno, BNG e EU.

Os proxectos que se executarán serán a eliminación de verteduras de augas fecais no Carril (Barallobre); o reforzo do firme con regos asfálticos no camiño de Mundín (Perlío), na rúa Unión (Maniños) e no camiño de Lourenzá (Limodre); o arranxo do firme na rúa Alta (Perlío); a eliminación das verteduras de augas residuais en San Valentín; e, por último, a dotación dun saneamento de augas fecais por gravidade no Feal (Magalofes) e no Regueiro (Sillobre).

A maiores destes proxectos, o pleno tamén aprobou outros dous cifrados nun montante total de 186.668€. Son os da adecuación e mellora do camiño do Cádavo ás Chancas e a protección das marxes do río Cádavo, ambos en Perlío, que se executarían coas baixas económicas xeradas ao longo do ano nos procesos de contratación doutras actuacións.

Saneamento no camiño do Sartego

No pleno tamén se lle deu o visto e prace a outro proxecto provincial. Concretamente o que prevé a renovación dos colectores do saneamento no camiño do Sartego, entre o cruzamento con Naturais de Fene e o camiño da Casanova.

As obras, que o Concello cifrou en algo máis de 129.000 euros, abranguerán a substitución das antigas canalizacións soterradas, a instalación de novas arquetas e a reposición do firme con aglomerado. Ademais, na mesma intervención tamén se aproveitará para reparar por completo a rúa Fontenova, que une a vía do Sartego coa Casa da Cultura. A Deputación achegará algo máis de 103.000 euros.

Neste caso o proxecto contou cos votos favorables de BNG, EU e PSdeG-PSOE, mentres que o PP se abstivo.