Dixomedíxomes

Museo do Humor   Dixomedíxomes
16-05-2019

Fene conmemora o Día dos Museos co espectáculo “Un show a cobro revertido”

Fene conmemorará o Día dos Museos co espectáculo “Un show a cobro revertido”, a cargo de Las niñas de la risa. Terá lugar este sábado, 18 de maio, ás 20 horas, no Museo do Humor. A entrada é libre ata completar aforo e a cita, que organiza o Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural.
15-05-2019

A Casa da Cultura alberga a mostra do alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul “Pequenas crianzas coa arte”

Poderá visitarse dende o 16 de maio e ata o día 30 do mesmo mes

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene inaugurará mañá xoves unha mostra moi especial baixo o título "Pequenas crianzas coa arte", do alumnado da Escola Infantil A Galiña Azul do municipio. Permanecerá ata o 30 de maio nas instalacións culturais e o horario de visitas será de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas. Así mesmo, o xoves 23 de maio, todo o alumnado da Escola Infantil realizará unha visita á exposición da Casa da Cultura e á biblioteca. Será en horario de mañá.
30-04-2019

A pintora Carmen Prado trae a súa mostra “Novos PersonaXes” a Fene

A pintora Carmen Prado exporá a súa obra na Casa da Cultura de Fene. Este xoves ás 19 horas abrirase ao público, coa presenza da artista, a mostra de pintura “Novos PersonaXes”. E, a partir de entón, poderá visitarse ata o 14 de maio de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas e, os sábados, de 10 a 13 horas.
25-03-2019

O escultor Manuel Ángel Méndez Bellón cede unha das súas pezas ao Concello

O escultor Manuel Ángel Méndez Bellón vén de ceder ao Concello de Fene unha das súas obras, “Facendo números en tempos de crise”. O alcalde, Gumersindo Galego, recepcionaba a peza e agradecía a donación realizada polo artista que, durante o pasado mes de febreiro, expoñía a súa mostra “Galician Metal Retranca” na Casa da Cultura.
11-03-2019

A Casa da Cultura acolle a mostra “Pictografías” de Eduardo Hermida

A Casa da Cultura de Fene acolle a mostra de fotografía e pintura “Pictografías” do creador Eduardo Hermida. O pasado venres tiña lugar o acto oficial de inauguración coa presenza do artista e do alcalde, Gumersindo Galego, e dende entón pode visitarse de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h, e sábados de 10 a 13 h. Así será ata o vindeiro 27 de abril.
07-03-2019

Eduardo Hermida inaugura este venres en Fene a súa mostra “Pictografías”

“Pictografías” é o título da mostra de fotografía e pintura que este venres 8 de marzo inaugura o artista Eduardo Hermida na Casa da Cultura de Fene. Trátase do traballo dos dous últimos anos do creador nos que, tal e como sinala, tenta “buscar un diálogo entre a fotografía e a pintura”. Un encontro que non é casual xa que, asegura, “como estudiei deseño gráfico na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, considérome pintor de oficio pero sen a teoría do arte”. Así, no seu traballo busca “esa relación directa que existe entre a materia e o arte manual que inspira as miñas composicións”. E sen esquecerse das súas influencias do pop art, nos últimos tempos ten evolucionado cara un expresionismo figurativo. Así, busca a forza da fotografía nun marco diferente e, neste sentido, as súas fotografías son moi pictóricas para os fotógrafos e moi fotográficas para os pintores.
01-03-2019

O Concello de Fene convoca a XXIII edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do Humor”

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, informa da apertura do prazo de presentación de traballos e anima á participación no certame

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, anunciou esta mañá a convocatoria dunha nova edición do concurso de humor gráfico “Curuxa do humor”. Un certame co que Fene busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
31-01-2019

Manuel Ángel Méndez Bellón inaugura en Fene a mostra “Galician Metal Retranca”

A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura inaugura este sábado exposición. Trátase da mostra “Galician Metal Retranca”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. Ao redor de 25 figuras realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas) -e combinado en ocasións con madeira, pedra, cristal, etc.- compoñen a exposición do escultor naronés, unha mostra coa que se pretenden “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis común do que pensamos…e por iso nos fan gracia”, segundo apunta o creador. Malia todo, tras esa primeira impresión cómica e irónica que adoitan espertar as súas pezas, Manuel Ángel Méndez Bellón procura que se aprecie o traballo constante e serio que cada unha delas ten detrás.
10-01-2019

Laura Bouza inaugura este venres na Casa da Cultura a mostra “Des_amparo”

A Casa da Cultura de Fene inaugura exposición este venres, 11 de xaneiro. A artista Laura Bouza trae ó municipio a súa mostra “Des_amparo”, que poderá visitarse durante todo o mes. Ata o día 30, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, namentras que os sábados, de 10 a 13 horas. O acto de inauguración, con entrada libre, celebrarase mañá venres, ás 20 horas, e contará coa asistencia da creadora, ademais do alcalde, Gumersindo Galego, e da concelleira de Cultura, Rocío Bértoa.
28-11-2018

Federico Pérez pecha este venres o ciclo de monólogos do Museo do Humor con “A Noite do Capador”

A función celebrarase a partir das 20 horas e a entrada é gratuíta, previa retirada de convite, o mesmo venres, na Casa da Cultura

“A Noite do Capador” é o título do monólogo co que o actor Federico Pérez porá este venres o broche de ouro ó ciclo "Novembro, Mes do Humor" que promove a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa. Será a partir das 20 horas con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite.