Que está pasando
O Concello de Fene participa esta semana na FITUR, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid, cunha proposta centrada no turismo cultural e creativo. A alcaldesa, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, desprazáronse ata a capital para dar a coñecer un modelo turístico propio, baseado na cultura contemporánea, a música alternativa e a arte urbana como elementos diferenciais.
A proposta de Fene en FITUR pivota arredor dun verán cultural que ten como eixes principais os festivais Perla Mural Fest (22-28 de xuño), Felicia Pop (31 de xullo – 1 de agosto) e FeneRock (setembro), aos que se suma o xa consolidado Mes da Patria. Conxuntamente, estas citas configuran unha programación continuada que converte o concello nun referente da cultura alternativa en Galicia, cun impacto crecente tanto a nivel local como exterior.
O Concello de Fene vén de publicar as bases do II Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa coa que busca fomentar a participación da veciñanza, embelecer as rúas durante as festas e contribuír á dinamización do comercio local.
O certame, impulsado pola área de promoción económica, regresa tras o éxito da primeira edición, na que se rexistraron proposta moi creativas, sostíbeis e cheas de espírito nadalicio.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta iniciativa foi moi ben acollida o ano pasado, demostrando a ilusión e a implicación da veciñanza nas actividades municipais”. Pola súa banda, a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, subliñou que “o concurso contribúe a dinamizar o concello durante o Nadal, atraendo visitantes e fomentando que a xente se achegue ao comercio local”.
O Concello de Fene vén de abrir o prazo de inscrición para participar no encontro interxeracional do proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”, que se celebrará o sábado 25 de outubro ás 18:00 h na ACRD O Pote de Maniños.
O evento porá o broche final ao proxecto e servirá como punto de encontro entre xeracións arredor da memoria viva do estaleiro e da cultura mariñeira. Durante o acto presentarase un vídeo resumo das actividades realizadas, farase entrega dun recoñecemento ás persoas e entidades participantes, e presentarase unha exposición e publicación fotográfica con imaxes recollidas durante o desenvolvemento. A xornada rematará cunha degustación de produtos do
mar.
O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado polo Programa FEMPA a través do GALP Golfo Ártabro Norte, cun 70% de fondos da Unión Europea e un 30% da Consellería do Mar (Xunta de Galicia).
Inscricións: https://forms.gle/Lfp7rLi9tdirexMy8
