Novas

27-05-2025

Festival das Escolas Municipais de Piano, Solfexo e Guitarra do Concello de Fene para pechar o curso 2024-25

A Concellería de Cultura organiza para este venres, 30 de maio o festival de clausura das escolas de música ás que asistiron ao longo do presente curso escolar vinte e oito persoas. O certame comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actuará o alumnado de piano e guitarra, interpretando temas clásicos e composicións tradicionais. Festival aberto a tódolos públicos. Entrada libre.
26-05-2025

A Concellería de Cultura de Fene colabora cos colexios Centieiras e Os Casais para que o alumnado asista este martes ao Correlingua

Uns 240 mozos e mozas feneses acudirán este martes, 27 de maio, á Festa Correlingua de Ferrol, evento organizado pola Asociación Cultural Correlingua coa colaboración da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, xunto coas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e varios concellos. A Concellería de Cultura de Fene sufragará o transporte do alumnado e profesorado dos dous centros de Fene que se inscribiron, asistindo por parte do Ceip Centieiras cento sesenta e catro persoas e, por parte do colexio Os Casais, setenta e dúas. A cita terá lugar no Auditorio Municipal de Ferrol en dúas quendas (de 10.00 a 11.00 e de 12.00 a 13.00 horas) e será conducida pola actriz e humorista Isabel Risco.
23-05-2025

O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de cita previa para a matrícula provisional presencial do Verán Máis Alá 2025

As persoas que queiran acollerse á modalidade de presentación presencial da documentación para o campus lúdico lingüístico “Verán Máis Alá” 2025 deberán solicitar cita previa no teléfono 981 340 366 do Departamento de Cultura de Fene, do luns 26 ao mércores 28 de maio, en horario de 9.00 a 13.00 horas. As citas daranse para os días 4, 5 e 6 de xuño nas propias oficinas da Concellería de Cultura, en Avenida Naturais, 44, entrechan. De todos os xeitos, lémbrase que esta matrícula provisional poderá realizarse tamén por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do venres 30 de maio ata ás 14.00 horas do luns 2 de xuño de 2025.
12-05-2025

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé festexa este xoves con monicreques o Día das Letras Galegas

Aberto o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo "Güe-güe", de Barriga Verde, co que a biblioteca municipal de Fene conmemorará este xoves, 15 de maio, ás 18.00 horas, o Día das Letras Galegas. Nesta función de monicreques, dirixida a nenos/as a partir de 1 ano, “descubriremos nunha noite de lúa chea, que é un Güe-güe; para iso teremos que atopar algo moi pequeno e con moita imaxinación, e así, coa súa axuda, aprenderemos valores tan importantes como a igualdade e o respecto ás persoas e cousas que nos rodean”.
Reserva de prazas ata o xoves 15 de maio na biblioteca de Fene, de 16.00 a 21.00 horas, ben presencialmente ou por teléfono (981342302 / 607625346).
12-05-2025

O Concello de Fene programa vinte espectáculos da Rede Cultural e Cultura no Camiño para 2025

O Concello de Fene vén de acollerse un ano máis ás convocatorias de Cultura no Camiño, programa impulsado pola AGADIC da Xunta de Galicia, e Rede Cultural, da Deputación da Coruña, para o ano 2025. Con estas axudas, que se complementan con fondos propios do Concello, a Concellería de Cultura organiza boa parte da súa programación cultural anual. Trátase dun amplo abano de propostas totalmente de balde, dirixidas a todos públicos.
06-05-2025

Verán Máis Alá 2025

Trala publicación das bases de matriculación no Boletín Oficial da Provincia (BOP núm. 84, do martes 6 de maio de 2025), o Concello de Fene anuncia unha nova edición do seu campus lúdico lingüístico “Verán Máis Alá” que se desenvolverá no mes de xullo. Trátase dun programa dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2013 e 2021 (idades de referencia de 3 a 12 anos) que resida ou estude en Fene. A matrícula provisional poderá realizarse de forma telemática, a partir do vindeiro 30 de maio, ou presencial, do 4 ao 6 de xuño (aínda que para acollerse a esta modalidade haberá que solicitar cita previa os días 26, 27 ou 28 deste mes).
22-04-2025

O Mago Rafa achegará este xoves a maxia dos libros ás crianzas de Fene

Abracalibro é o nome do espectáculo co que a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Paralle festexará o xoves, 24 de abril, o Día do Libro. A función, organizada no marco do programa Ler conta moito, comezará ás 18 horas no salón de actos da Casa da Cultura e, para asistir, cómpre inscribirse esta tarde ou mañá na propia biblioteca ou por teléfono (981 342 302), de 16 a 21 horas.
14-04-2025

Cambio de horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada Semana Santa, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, dende o sábado 12 de abril e até o vindeiro 21 de abril, o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada.

A partir do martes 22 de abril o horario será o habitual de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
02-04-2025

EXPOSICIÓN do XVIII Premio Internacional Jesús Núñez na Casa da Cultura de Fene

Do 4 ao 22 de abril a sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene acollerá a exposición do XVIII Premio Internacional Jesús Núñez, convocado pola Deputación da Coruña. A mostra recolle unha selección dos mellores traballos presentados a este concurso internacional de arte gráfico. Nesta edición houbo 118 participantes, dos cales 58 foron españois (15 madrileños e 13 galegos) e os 60 restantes procederon doutras 18 nacionalidades, sobre todo de México (14), Italia (11), Arxentina (9) e Polonia (8).  

O Premio Internacional Jesús Núñez pretende poñer en valor o talento creativo e a figura do artista Jesús Núñez, así como apoiar a novos talentos nacionais e extranxeiros da arte gráfica. 
O traballo que resultou gañador desta edición foi  "10 grados", de Juan Carlos Escudero García, obra que pon ao espectador ante a inmensidade da representación dunha vista aérea e etérea do océano e a concreción da fluidez da auga como elemento. Tamén se outorgaron dous accesits a Mateusz Patrzyk por "Painbody" e a Maite Pinto, por "Vero Over".
Horario de visitas á exposición: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas (agás durante a Semana Santa que o horario será: de luns a venres, de 10 a 14.15 horas. Sábados, domingos e festivos, pechado)
01-04-2025

Investigando o lado escuro do sistema inmunitario, tema da derradeira charla de Contando Ciencia

A doutora e investigadora do grupo Inmunidade e Pequenas Moléculas Iria Gómez Touriño será a protagonista este xoves da última charla do ciclo Contando Ciencia 2024-25, que organiza a biblioteca O segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A confererencia, sobre a investigación ao redor do sistema inmunitario, comezará o xoves 3 de abril ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.