Novas

11-06-2024

Listaxe de nenas e nenos admitidos no Verán Máis Alá! 2024

Unha vez aplicados os criterios de baremación establecidos nas bases, a Concellería de Cultura de Fene vén de adxudicar as 130 prazas do campamento lingüístico e de conciliación Verán máis alá! As nenas e nenos que non obtiveron praza, quedan en lista de agarda. No caso de que se produzan baixas trala publicación da listaxe, contactarase coas familias suplentes para cubrir todas as prazas.
29-05-2024

Unha vintena de escritores e escritoras participarán na I Xornada Literaria no Pote

A Concellería de Cultura organiza coa SCRD O Pote de Maniños e Aetna a I Xornada Literaria no Pote, encontro no que tamén colaboran a Asociación Galega de Escritores e a Imprenta Sanesteban. As escritoras fenesas Mariola Hermida e Matilde Castro participarán nesta actividade que se desenvolverá o venres 14 de xuño, a partir das 19 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. A I Xornada Literaria no Pote incluirá unha pequena feira do libro con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias.
28-05-2024

As Escolas Municipais de Piano, Solfexo e Guitarra do Concello de Fene rematan o curso 2023-24

A Concellería de Cultura organiza para este venres, 31 de maio o festival de clausura das escolas de música ás que asistiron ao longo do presente curso escolar vintecinco persoas. O certame comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actuará o alumnado de piano e guitarra, interpretando temas clásicos e composicións tradicionais. Festival aberto a tódolos públicos.
28-05-2024

La biblioteca de las lectoras valientes protagoniza a derradeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal

O salón de actos da Casa da Cultura de Fene acolle este mércores, de 18.00 a 19.30 horas, a derradeira xuntanza do Club de Lectura da Biblioteca Municipal por este curso. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) comentarán nesta ocasión o libro La biblioteca de las lectoras valientes, de KateThomson.
24-05-2024

O Verán Máis Alá! de Fene trasladarase este ano ás instalacións do CPI A Xunqueira de San Valentín

O campus lingüístico de verán que organiza a Concellería de Cultura no mes de xullo non poderá realizarse nas instalacións do colexio Centieiras de Perlío, como figura na ficha de preinscrición e se anunciou inicialmente. A execución este verán dunha serie de obras de reforma que afectarán a aulas e espazos compartidos que empregaban en anos anteriores os/as nenos/as do Verán Máis Alá!, obrigaron ao Goberno Municipal de Fene a buscar un espazo alternativo, optando finalmente polo CPI A Xunqueira. O cambio de ubicación do campamento implicará tamén algún cambio nas actividades ofertadas como a sustitución das sesións na piscina municipal de Centieiras por xogos e actividades deportivas no pavillón da Xunqueira.
16-05-2024

Brincadeira Pirata para festexar o Día das Letras Galegas na biblioteca municipal de Fene

“Yo-Ho!” É así como soa a risa pirata… e anuncia que a diversión está asegurada o vindeiro martes, 21 de maio, ás 18 horas na Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé. O espectáculo titulado Brincadeira Pirata está protagonizado por Lorena Vales e Marian Rei, de Teatro Calavera, e vai dirixido a público infantil e familiar. Entrada libre e de balde até completar o aforo.
15-05-2024

Concerto de Iria Estévez no acto de presentación do libro gañador do XXXVI Premio de poesía Xosemaría Pérez Parallé

O CMI Unidade de Fene acolle este sábado a presentación de Utensilios de cociña e algúns xantares caleidoscópicos, poemario co que Carlos Carracedo Porto gañou a trixésimo sexta edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé que organiza a entidade fenesa coa colaboración do Concello e da Editorial Espiral Maior. O acto comezará ás 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Ao remate actuará Iria Estévez presentando Fíos de fado, concerto organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
13-05-2024

Proxección do filme de Pablo Lago Dantas “O auto das ánimas” na Casa da Cultura de Fene

O auto das ánimas é a primeira longametraxe de Pablo Lago Dantas como director, logo dunha dilatada traxectoria como director de fotografía. Rodada en Redondela e Pontesampaio, a película propón unha volta ás orixes, aos rituais e á familia. Un encontro “co seu lugar de orixe, no que mediante a sutil combinación das súas raigames galegas con mitos e rituais, agrega capas de profundidade ao mundano e ao cotiá”. O filme proxéctase este xoves, 16 de maio, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Fene, con entrada libre e de balde até completar o aforo.  
10-05-2024

Cento trinta nenos e nenas poderán participar no Verán Máis Alá 2024 do Concello de Fene

Coa publicación das bases no BOP núm 90 do xoves 9 de maio, o Concello de Fene pon en marcha unha nova convocatoria do campus lingüístico Verán Máis Alá!, dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2012 e 2020 (idades de referencia de 3 a 12 anos). Nesta nova edición, o campamento de verán que organiza a Concellería de Cultura desenvolverase nas instalacións do CPI A Xunqueira, do 1 ao 31 de xullo en horario de 08.00 a 14.30 horas. A matrícula provisional realizarase a partir do 3 de xuño e, á hora de inscribirse, terán prioridade os/as participantes empadroados/as no Concello de Fene (con anterioridade ao 2 de maio de 2024). Os nenos e nenas que non estean empadroados en Fene ou que non estiveran matriculados no curso académico 2023/2024 nalgún dos centros de ensino do concello non poderán participar no programa.
03-05-2024

Cultura avanza a súa actividade dos vindeiros meses no marco dos programas da Rede Cultural da Deputación e Cultura no Camiño da Agadic

O Concello de Fene vén de acollerse un ano máis á convocatoria da Rede Cultural da Deputación, solicitando dezaseis espectáculos que, xunto ás actividades contratadas con fondos propios e o programa Cultura no Camiño, conformarán boa parte da programación cultural prevista para este 2024. Trátase dun amplo abano de propostas dirixidas a todos os públicos.