Novas

04-06-2022

Exposición de fotografía submarina no pavillón da Xunqueira

“Unha ollada ás profundidades”, é o título da exposición de Fotosub que se amosa dende hoxe no pavillón da Xunqueira, en San Valentín. A mostra, na que se poden “ver e admirar especies atutóctonas das nosas rías”, recolle unha colección de fotografías realizadas en distintos puntos da xeografía galega por fotógrafos pertencentes á Federación Galega de actividades subacuáticas. Poderá visitarse até o vindeiro 30 de xuño no pavillón da Xunqueira en horario: de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábado e domingos nos horarios de competición e exhibicións.
 
03-06-2022

O mércores 8 de xuño abre o prazo de reserva de prazas para as escolas deportivas da piscina, pavillóns, kárate e judo

Xa se pode solicitar cita previa para tramitar, a partir do vindeiro mércores no pavillón de San Valentín, a reserva de prazas para as escolas deportivas municipais do Concello de Fene. O prazo, para o alumnado matriculado no mes de xuño, prolongarase do 8 de xuño ao 6 de xullo, atendendo ao seguinte calendario: do 8 ao 21 de xuño realizarase a reserva para usuarios/as empadroados ou escolarizados en Fene; e, do 22 de xuño ao 6 de xullo, farase para o alumnado de fóra de Fene. Para solicitar cita previa, cómpre chamar ao teléfono 981 492 804 ou ao 607 626 812, de luns a venres de 9.00 a 14.00 h., ou ao teléfono 981 340936, en horario de 16.00 a 21.00 horas.
30-05-2022

Abre o prazo de preinscrición para o Campionato de Fotosub Concello de Fene

O domingo 26 de xuño terá lugar o Campionato de Fotosub “Concello de Fene”, organizado polo Club de Actividades Subacuáticas Nautilus coa colaboración do Concello de Fene e a Federación Galega de Actividades Subacuáticas (FEGAS). A proba, puntuable no Circuito Galego de Fotosub, desenvolverase entre as 8:30 e as 15.00 horas nas inmediacións da Punta do Faro de San Cristobal, como lugar principal, ou na praia de Cariño, dentro da ría de Ferrol, como lugar de reserva.
23-05-2022

Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística

Ao redor dun milleiro de ximnastas participarán entre o sábado 28 e o domingo 29 de maio no Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame volve a Fene, onde xa se celebrara en 2018, e contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Escola Ximnasia Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maioría das participantes serán nenas aínda que tamén haberá competición na modalidade de ximnasia artística masculina.
09-05-2022

A XXVII Milla escolar reuniu en San Valentín a preto de 600 nenas e nenos

Logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia, a Concellería de Deportes de Fene retomou este domingo a súa “Milla Escolar” cunha das participacións máis elevadas das últimas edicións. Ao redor de 600 nenos e nenas de 3 a 16 anos tomaron parte nesta proba coa que se pretende fomentar a práctica do atletismo e os hábitos de vida saudables entre a mocidade. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Deportes, Ángeles Coira e varios membros da Corporación Municipal achegáronse a San Valentín e participaron na entrega de medallas (que recibiron todos os/as participantes) e de trofeos, aos tres primeiros/as clasificados/as das categorías cadete, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín.
29-04-2022

O Concello de Fene organiza para o domingo 8 de maio a súa XXVII Milla Escolar

A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a XXVII Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 8 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
21-04-2022

A Concellería de Deportes organiza as xornadas "Xogando co atletismo"

Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios O Ramo, Centieiras e Jorge Juan tomará parte a vindeira semana nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene. A actividade desenvolverase entre os días 25 (luns), 27 (mércores) e 28 (xoves) de abril nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre. No caso de choiva, trasladarase ao pavillón do colexio O Ramo. "Xogando co atletismo" é unha xornada deportiva na que se realizarán diversas probas nun circuíto continuo, de xeito que todo o alumnado participe simultaneamente nas diferentes actividades.
20-04-2022

Aberto o prazo dos campamentos deportivos de verán da Deputación da Coruña

Dirixido á rapazada, o programa contará con diversas actividades deportivas e culturais do  26 de xuño ao 1 de xullo, no IES Rosalía Mera na Coruña.

Fene conta con 6 prazas , as persoas interesadas poderán anotarse ata o 20 de maio no departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene. 
14-02-2022

O judo galego volve á normalidade en Fene

Máis de 500 judocas participaron esta fin de semana en Fene na segunda xornada da Liga Galicia Rías Altas, nas categorías cadete, infantil e alevín, e nunha nova xornada de Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), actividades que se complementaron cunha charla sobre as novas normas de arbitraxe en judo e cunha master class, dirixida polo deportista olímpico Roberto Naveira. Logo dunha fin de semana tan intensa no pavillón de San Valentín, os organizadores -Concellería de Deportes de Fene, Club Artes Marciais Fene e AD Judo Ferrolterra- salientan que “o judo galego comeza a recuperar a normalidade nas súas actividades”.
09-02-2022

Novo grupo de educación física contra a fatiga oncolóxica

O Concello de Fene abrirá un novo grupo da actividade de Educación física contra a fatiga oncolóxica, destinado a persoas que pasaran a enfermidade recentemente ou que se atopen actualmente en tratamento. A actividade desenvolverase no pavillón da Xunqueira, en San Valentín, os luns e mércores de 17:00 a 18:30 horas.
Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada, que trata de axustarse en tódolos casos ás características e posibilidades de cada persoa. Baséase nos contidos propios da Educación Física, así como tamén exercicio cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, forza a nivel funcional, equilibrio, coordinación,... empregando para tal fin os exercicios físicos e os métodos máis aconsellables para cada persoa.