Novas

16-06-2025

Sinaladas, un percorrido pola loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión

Baixo este título, a Deputación Provincial da Coruña trae a Fene na segunda quincena do mes de xuño a exposición “Sinaladas” que pon o foco nos cen anos de historia en que as mulleres deron a batalla para conseguir mellorar a súa vida e a súa xente. “Pelexaron polo pan pero, sobre todo, por ocupar o seu espazo no país e no relato”, afirman desde o organismo provincial. A mostra, fomada por trece estructuras con paneis informativos e fotografías, poderá visitarse desde o martes 17 até o domingo 29 de xuño na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene. A inauguración, prevista para este martes, ás 12.00 horas, contará coa presenza das deputadas provinciais de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, e da de Atención aos Concellos e Plans, Cristina García Rey, xunto coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.
11-06-2025

Do 16 de xuño ao 14 de setembro cambia o horario da Biblioteca, Museo do Humor Xaquín Marín e Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais). Así, a partir do luns 16 de xuño e até o vindeiro 14 de setembro (inclusive), o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada. A partir do luns 15 de setembro retomarase o horario habitual da instalación.
11-06-2025

Listado admitidas/os e lista de agarda Verán Máis Alá 2025

Unha vez aplicados os criterios de baremación establecidos nas bases, a Concellería de Cultura de Fene vén de adxudicar as prazas do campamento lingüístico e de conciliación Verán máis alá! As nenas e nenos que non obtiveron praza, quedan en lista de agarda. No caso de que se produzan baixas trala publicación da listaxe, contactarase coas familias suplentes para cubrir todas as prazas.
A partir do xoves día 12 de xuño, enviaranse as cartas de autoliquidación para as persoas admitidas. O prazo para aboar a cota será do 13 ao 19 de xuño de 2025.
09-06-2025

Fene acollerá este venres a II Xornada Literaria no Pote

Unha pequena feira do libro, con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias. Son os principais atractivos da II Xornada Literaria no Pote que se desenvolverá o venres 13 de xuño, a partir das 18 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. O encontro, no que tomarán parte máis dunha vintena de autores e autoras, está organizado pola Concellería de Cultura de Fene, a SCRD O Pote e Aetna, coa colaboración da Asociación Galega de Escritores, Imprenta Sanesteban e Eroski.
02-06-2025

A II Xornada Literaria no Pote reunirá en Maniños a máis dunha vintena de escritores e escritoras

A Concellería de Cultura organiza coa SCRD O Pote de Maniños e Aetna a II Xornada Literaria no Pote, encontro no que tamén colaboran a Asociación Galega de Escritores, Imprenta Sanesteban e Eroski. A escritora, actriz e contacontos fenesa Paula Carballeira e a gañadora do Premio Xerais 2024, Marta Villar, serán dúas das protagonistas desta actividade que se desenvolverá o venres 13 de xuño, a partir das 19 horas, nas instalacións da entidade de Maniños. A II Xornada Literaria no Pote incluirá unha pequena feira do libro con venda e sinatura de exemplares, coloquio e presentación de novidades literarias.
30-05-2025

O alumnado e profesorado do Ceip Plurilingüe de Centieiras presenta a súa exposición Transformarte na Casa da Cultura

O vindeiro luns, 2 de xuño, inaugúrase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22) a mostra de artes plásticas Transformarte, unha exposición que xorde do “proxecto documental integrado sobre arte” que promoveu o colexio Centieiras neste curso. O acto terá lugar ás 10.00 horas e contará coa presenza dunha representación da comunidade educativa do centro xunto co concelleiro de Cultura, Justo Ardá. Transformarte poderá visitarse até o vindeiro 12 de xuño en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Entrada libre.
27-05-2025

Festival das Escolas Municipais de Piano, Solfexo e Guitarra do Concello de Fene para pechar o curso 2024-25

A Concellería de Cultura organiza para este venres, 30 de maio o festival de clausura das escolas de música ás que asistiron ao longo do presente curso escolar vinte e oito persoas. O certame comezará ás 17.00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actuará o alumnado de piano e guitarra, interpretando temas clásicos e composicións tradicionais. Festival aberto a tódolos públicos. Entrada libre.
26-05-2025

A Concellería de Cultura de Fene colabora cos colexios Centieiras e Os Casais para que o alumnado asista este martes ao Correlingua

Uns 240 mozos e mozas feneses acudirán este martes, 27 de maio, á Festa Correlingua de Ferrol, evento organizado pola Asociación Cultural Correlingua coa colaboración da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, xunto coas deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e varios concellos. A Concellería de Cultura de Fene sufragará o transporte do alumnado e profesorado dos dous centros de Fene que se inscribiron, asistindo por parte do Ceip Centieiras cento sesenta e catro persoas e, por parte do colexio Os Casais, setenta e dúas. A cita terá lugar no Auditorio Municipal de Ferrol en dúas quendas (de 10.00 a 11.00 e de 12.00 a 13.00 horas) e será conducida pola actriz e humorista Isabel Risco.
23-05-2025

O vindeiro luns abre o prazo de solicitude de cita previa para a matrícula provisional presencial do Verán Máis Alá 2025

As persoas que queiran acollerse á modalidade de presentación presencial da documentación para o campus lúdico lingüístico “Verán Máis Alá” 2025 deberán solicitar cita previa no teléfono 981 340 366 do Departamento de Cultura de Fene, do luns 26 ao mércores 28 de maio, en horario de 9.00 a 13.00 horas. As citas daranse para os días 4, 5 e 6 de xuño nas propias oficinas da Concellería de Cultura, en Avenida Naturais, 44, entrechan. De todos os xeitos, lémbrase que esta matrícula provisional poderá realizarse tamén por medios telemáticos, na sede electrónica municipal (https://sede.fene.gal/), desde as 08.00 horas do venres 30 de maio ata ás 14.00 horas do luns 2 de xuño de 2025.
12-05-2025

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé festexa este xoves con monicreques o Día das Letras Galegas

Aberto o prazo de inscrición para asistir ao espectáculo "Güe-güe", de Barriga Verde, co que a biblioteca municipal de Fene conmemorará este xoves, 15 de maio, ás 18.00 horas, o Día das Letras Galegas. Nesta función de monicreques, dirixida a nenos/as a partir de 1 ano, “descubriremos nunha noite de lúa chea, que é un Güe-güe; para iso teremos que atopar algo moi pequeno e con moita imaxinación, e así, coa súa axuda, aprenderemos valores tan importantes como a igualdade e o respecto ás persoas e cousas que nos rodean”.
Reserva de prazas ata o xoves 15 de maio na biblioteca de Fene, de 16.00 a 21.00 horas, ben presencialmente ou por teléfono (981342302 / 607625346).