O Memorial Adolfo Ros posponse a 2021

O Memorial Adolfo Ros posponse a 2021

Os concellos de Neda, Fene, Ferrol e Narón anuncian a decisión ante a situación sanitaria xerada pola covid-19

Imaxe de arquivo do Adolfo Ros

O Concello de Neda ven de anunciar que tras manter diversas xuntanzas de traballo, os Concellos organizadores; Neda, Fene, Ferrol e Narón; acordaron unanimemente aprazar ata decembro de 2021 a celebración do Memorial Adolfo Ros “Volta á Ría” que, inicialmente, estaba previsto realizar o domingo 13 de decembro. A situación motivada pola covid-19 está loxicamente na raíz da decisión.


Organizada de forma conxunta polos catro concellos polos que discorre, este ano a dirección recaía en Neda. A Adolfo Ros cumpriría a súa XXXV edición, unha carreira en memoria do deportista que lle dá nome, falecido o 18 de agosto de 1985 nun acto de heroicismo ao tentar rescatar por segunda vez a varios bañistas na praia de Doniños.


Trátase cada ano dunha carreira secundada por centos de deportistas (federados e non federados) e, en 2019, alcanzaba os 700 participantes de todas as idades. Unha carreira con categoría adaptada e incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo que é, na actualidade, un referente non só na comarca senón en Galicia.