A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 27 e 28 de novembro

A Unidade Móbil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia achégase a Fene o 27 e 28 de novembro

A Unidade Móvil do Centro de Transfusións de Sangue de Galicia continúa o seu percorrido para achegar a campaña de doazón de sangue a toda a cidadanía. O venres 27 de novembro estará en Fene, de 15.00 a 21.00 horas e o sábado 28 de 10.00 a 15.00 h, diante do Centro de Saúde de Fene.


As persoas que desexen doar sangue poden solicitar unha cita previa no teléfono gratuíto 900 100 828, sistema implantado para reforzar os protocolos de seguridade nas unidades móbiles e garantir unha afluencia axeitada e ordeada para cubrir as necesidades de sangue dos hospitais galegos.

Tendo en conta as especiais circunstancias nas que se desenvolve esta campaña, dende a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), organismo público que integra  o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, lembran que DOAR SANGUE É SEGURO xa que “as unidades móbiles e os locais de doazón compren con todos os requisitos normativos de seguridade sanitaria”. Ademais, en cada local de doazón e en cada unidade móbil, o persoal segue protocolos de seguridade exhaustivos: uso de luvas limpas con cada doante; limpeza de padiolas despois de cada doazón; emprego de material estéril e dun só uso para cada doazón (bolsas de sangue e tubos para analítica); limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección; e colocación dun envase con solución desinfectante á entrada e saída dos locais de doazón e unidades móbiles, para que os doantes o utilicen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.

Informan tamén que "ADOS só acepta doazóns de persoas con boa saude e realiza unha estrita revisión do estado de saúde das persoas que acoden a doar sangue, para comprobar que cumpren todos os requisitos que esixe a normativa sanitaria".

Poden doar sangue as persoas maiores de 18 anos, que pesen máis de 50 quilos e que conten cunha saúde normal.

Para máis información sobre a campaña de doazón de sangue ou para resolver calquera dúbida ao respecto, pódese chamar ao teléfono 900 100 828 ou enviar un correo electrónico a doadoressangue.ados@sergas.gal