O Concello e "O Cruceiro" volven poñer o acento en coidar ao máximo a seguridade preventiva do outlet nun momento de certa euforia polo levantamento das restricións. Por iso desde a organización insisten en que deberán respectarse as medidas básicas de distanciamento, hixiene de mans e uso da máscara e tamén as relativas á capacidade no interior dos comercios, que non poderán superar o 50% do seu aforo.

Ademais nesta ocasión non se colocarán as habituais carpas diante dos establecementos para evitar que poidan producirse aglomeracións puntuais na procura das mellores gangas e prégaselle á clientela que evite no posible tocar o xénero. Iso si, os comercios participantes estarán identificados con vistosas columnas de globos que lle darán un aire alegre ao evento con axuda da animación musical de catro picadiscos locais situados na parte alta e baixa de Marqués de Figueroa, na zona do cruce de Fene e ao pé do Concello.

O outlet "Merca en Fene" desenvolverase o venres e mailo sábado en horario de 10 a 14 e de 17 a 20.00h., mentres que o domingo os comercios só abrirán en horario de mañá. Tempo máis que dabondo para atopar artigos moi variados e tamén moi rebaixados postos á disposición do público por un total de 24 establecementos, quen entregarán con cada compra rifas para entrar no sorteo de 20 vales de 50€ canxeables no comercio local e dunha cesta valorada en 500€. O sorteo celebrarase na Casa do Concello o mércores 10 ás 21.00h.