Dixomedíxomes
O vindeiro 31 de maio pecha o prazo de presentación de debuxos para o XXIX Concurso de Humor Gráfico e Caricatura "Curuxa do Humor" que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene. As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello até o vindeiro 31 de maio ás 23.59 horas. Hai tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. Como novidade, estipúlase nas bases que “calquera obra creada total ou parcialmente coa axuda da intelixencia artificial quedará automáticamente excluida do certame. As obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.
O Museo do Humor Xaquín Marín abre o prazo para apuntarse ao obradoiro de cómic que impartirá o debuxante e autor de bd Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, Ortigueira, 1997). A actividade, dirixida a persoas de todas as idades a partir dos 7 anos, terá lugar no museo o vindeiro xoves, 15 de maio, de 18 a 20 horas. As inscricións, de balde, deberán realizarse enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal, indicando nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. O número de prazas é limitado (20), cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición ate completar o aforo. Actividade organizada co gallo da conmemoración do Día dos Museos 2025.
Trala publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia núm. 32, do luns 17 de febreiro de 2025, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor Xaquín Marín. As persoas interesadas en participar poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello até o vindeiro 31 de maio.
Novamente, nesta edición, haberá tres categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. Como novidade, estipúlase nas bases que “calquera obra creada total ou parcialmente coa axuda da intelixencia artificial quedará automáticamente excluida do certame. As obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.