Os traveliners con discapacidade participantes na iniciativa TravelIN visitan o Museo do Humor de Fene

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

O alcalde, Gumersindo Galego, recibiu á comitiva do proxecto TravelIn. Unha viaxe para tod@s, co que ASCM e a Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra buscan explotar o potencial da comarca como destino de turismo accesible

Unha comitiva de persoas con discapacidade, chegada de distintos puntos do país, visitou onte pola mañá o concello de Fene no marco da iniciativa TravelIN. Unha Viaxe para tod@s, para vivir unha experiencia de turismo activo e accesible. Esta iniciativa forma parte do proxecto de ASCM e a Mancomunidade de Concellos de Ferrolterra. A visita, que arrincou o pasado domingo, finalizaba na tarde de onte cun achegamento ao Ferrol Modernista e ao museo da cidade departamental, Exponav.

Durante a súa visita de onte a Fene, os participantes no proxecto visitaron algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio rexistrando, ademais, a súa experiencia e valoración en apps especializadas en Turismo Accesible, como Tur 4 all, de Predif, ou Equalitas Vitae. O Portal de Turismo Accesible. A xornada arrincou co recibimento do alcalde fenés, Gumersindo Galego, no Museo do Humor, espazo que percorreron e disfrutaron.

Así mesmo, durante a estancia dos traveliners está a fomentarse o uso das redes sociais de participantes, administracións e establecementos co fin de converter TravelIn nunha experiencia inmersiva e aos turistas en auténticos influencers con discapacidade. O principal obxectivo do proxecto é visibilizar o potencial da comarca en materia de turismo accesible e facelo dun modo real e próximo, a través da experiencia en primeira persoa de persoas con mobilidade reducida.