O ciclo de monólogos de Fene continúa este venres coa compañía Apatacón e o seu espectáculo “Por unha peseta”

Museo do Humor   Dixomedíxomes  

Dará comezo ás 20 horas con entrada de balde previa retirada de convite – máximo dous por persoa- o mesmo venres dende as 18,30 h

O ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” continuará este venres coa compañía Apatacón e o seu espectáculo “Por unha peseta”. Será a partir das 20 horas no Museo do Humor fenés e a entrada é de balde ata completar aforo, previa retirada de convite –máximo de dous por persoa- o mesmo venres a partir das 18,30 horas. O ciclo, organizado pola Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa, conta co apoio da Deputación a través da Rede Cultural. 

Apatacón é unha compañía de nova creación integrada pola vocalista Faia Díaz (Coro Encaixe, De Vacas...) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa, Rilo&Penadique...) onde se xuntan por gusto e querenza investigando os límites e puntos de encontro das súas disciplinas de orixe para achegalos ata diluílos.

Vero Rilo é unha das transmisoras de emocións máis importantes do momento, unha narradora cunha forza, técnica e expresividade que a fan única e inesquecible. Faia Díaz é cantante e creadora en De Vacas, que compaxina con outros proxecto musicais. Unha vocalista que manexa unha enorme variedade de rexistros e unha incrible voz que se aventura con nós neste proxecto a medio camiño entre a canción e narración.

“Por unha peseta” é un traballo onde voz narrada e cantada se achegan por menos de nada para atopar canto vale unha peseta. Historias de vida recollidas no noso entorno e no universal xúntanse nunha peza que nos achega a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xente. “Por unha peseta” lévanos aos tempos dos nosos devanceiros, pero dende un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca. Moita retranca.