Os concellos de Fene e Neda impulsan conxuntamente un proxecto de prevención de condutas aditivas dirixido ao ámbito familiar e comunitario. No marco desta iniciativa, subvencionada pola Consellería de Sanidade, encádrase o programa familiar “Máis que un teito”, deseñado para ofrecer ás familias información obxectiva e veraz que promova a adopción de decisións autónomas e responsables, favoreza estilos de vida saudables e evite o desenvolvemento ou consolidación de condutas de risco, incorporando de xeito transversal a perspectiva de igualdade de xénero.
Esta sesión dirixida ás familias serve de complemento aos obradoiros preventivos que se están a impartir nas aulas ao alumnado da zona.
A primeira xornada celebrarase o luns 16 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene. A formación correrá a cargo de Lucía Fraguela Martínez, docente especializada en xogo e xerente de O Muiño do Fabal, quen abordará o relatorio baixo o título "O xogo como actitude de vida".