Novas

01-02-2024 -

Beneficios da intelixencia emocional nas crianzas

O Concello de Fene, a través dos Servizos Sociais, continúa neste ano 2024 o programa xa iniciado no ano 2023 relacionado co apoio ás familias na súa labor educativa cas crianzas. Este luns día 5 de febreiro, a partir das 18:00 horas reanudase o ciclo de de sesións “ Acompañar no reto de educar” que se van a celebrar na Casa da Cultura de febreiro a maio.

O próximo día 5 iniciase o ciclo do mes de febreiro co tema a tratar “ Beneficios da intelixencia emocional nas crianzas” . Será na Casa da Cultura ás 18.00 h e require inscrición previa.
 
31-01-2024 -

O Mellor Mural do Mundo está en Fene

O mural realizado polo artista SFHIR durante o primeiro Perla Mural Fest celebrado o pasado mes de agosto en Fene, vén de ser nomeado como Mellor Mural do Mundo pola plataforma Street Art Cities , logo dun proceso de votación popular que culminou no día de onte.
A concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, celebrou este recoñecemento, e felicitou unha vez máis ao artista Hugo Lomas (SFHIR) “por ter conseguido este galardón que desde agora sitúa a Fene no mapa mundial da arte urbana”. Coira tamén tivo palabras de agradecemento “para todas as persoas que souberon apreciar a labor realizada polo artista e contribuíron co seu voto a conseguir este resultado”.
31-01-2024 -

O historiador Guillermo Llorca participa esta tarde na primeira sesión do Club de Lectura da biblioteca de Fene

Sobre o libro Cuando estalló la noche. El enemigo no sospechaba, de Guillermo Llorca, xirará a primeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene que se reúne esta tarde, de 18.00 a 19.30 horas. As catorce persoas que participan na actividade (e que previamente recibiron cadanseu exemplar do volume) terán oportunidade de conversar co autor neste primeiro encontro.
26-01-2024 -

Fene adianta en FITUR as datas do XI Encontro de Palilleiras e do Encontro de Lavandeiras de Sillobre

O 13 de abril celebrarase en Fene o XI Encontro de Palilleiras, e apenas un mes despois, o 4 de maio, o Encontro das Lavandeiras de Sillobre. Estes dous eventos foron dous dos anuncios que o Concello de Fene adiantou durante a Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se está a celebrar esta semana en Madrid.

Ambos os dous Encontros forman parte da aposta do Concello de Fene pola promoción dun turismo cultural, xunto cos festivas musicais Felicia Pop (agosto) e Fene Rock (setembro), e o de arte urbano Perla Mural Fest. Ademais, Fene tamén destacou en FITUR o patrimonio indiano da localidade e o papel do Camiño Inglés, que cada ano está a ser máis relevante no fluxo de visitantes que recibe.
26-01-2024 -

Abre o prazo de presentación de obras para a segunda edición do concurso de banda deseñada de humor Demo Pequeno

O Museo do Humor Xaquín Marín e Demo Editorial, empresa de referencia na edición de banda deseñada e novela gráfica en galego, volven unir as súas forzas para “achegar os escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade dende unha perspectiva humorística”. Baixo esta previsa, ámbalas dúas entidades convocan o II concurso de banda deseñada de humor Demo pequeno. O certame, para o que xa está aberto o prazo de presentación de obras, vai dirixido a mozos e mozas galegos de 8 a 16 anos, que poderán participar de xeito individual ou por equipos de dúas persoas (guionista e debuxante) nas seguintes categorías: Infantil, para rapazada de 8 a 11 anos, ou Xuvenil, para mozos e mozas de 12 a 16 anos. Valorarase “a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma”. O prazo de presentación de orixinais finalizará na medianoite do martes 30 de abril de 2024.
24-01-2024 -

Fene convértese en escenario de cine con “Prefiro condenarme”, o novo filme de Margarita Ledo

Fene converteuse estes días en escenario de cinema, acollendo o equipo de gravación de “Prefiro condenarme”, o novo filme de non ficción de Margarita Ledo. As cámaras tomaron espazo en tomas interiores e exteriores durante a rodaxe da nova longametraxe da cineasta galega, que inclúe varias escenas localizadas en Perlío e no entorno de Barallobre e Maniños.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, achegouse ao set de gravación situado na praia de Maniños, acompañado pola concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira; e a de formación e emprego, Cristina García. Aló mantiveron un encontro coa directora, Margarita Ledo; o director de fotografía, Alberte Branco; e outras persoas que forman parte do equipo.
 
23-01-2024 -

O Servizo de Nutrición do Centro de Saúde de Fene inicia este venres a súa Escola de Hábitos Saudables

A Casa da Cultura de Fene acollerá este venres, ás 12.30 horas, a primeira charla da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración do Concello de Fene. Nesta conferencia inaugural, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre “Etiquetado nutricional, compra saudable e seguridade alimentaria”. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.
22-01-2024 -

O Concello de Fene informa das convocatorias de axudas ao emprendemento e fomento do emprego

A Concellaría de Promoción Económica do Concello de Fene informa das diferentes convocatorias abertas para o fomento do emprego, que teñen por obxectivo contribuír non só ao emprendemento, senón tamén ao mantemento e ampliación dos postos de traballo e mesmo o investimento en bens necesarios para o desenvolvemento da actividade.
Nesa liña, esta mañá abriu o prazo de solicitude das Axudas PEL da Deputación da Coruña, que contan con catro liñas de actuación: investimentos; autónomas/os; creación e ampliación do cadro de persoal; e mantemento do cadro de persoal. Todas elas poderanse solicitar até as 14h do 22 de febreiro a través de https://emprego.dacoruna.gal/axudas
17-01-2024 -

Fene vai de Entroido

Xa está aberto o prazo de inscrición para as comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 14 de febreiro, no marco do Entroido fenés. As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo até as 14.00 horas do xoves 8 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello e optar ás axudas que establece a Concellería de Cultura para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.
15-01-2024 -

Nova conferencia do ciclo Contando Ciencia coa doutora en Matemáticas fenesa Erika Diz Pita

“Todas as matemáticas á vez, en todas partes” é o tema da terceira sesión do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A conferencia, impartida pola doutora en Matemáticas Erika Diz Pita, terá lugar este xoves, 18 de xaneiro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene), con entrada libre e de balde até completar o aforo.