Novas

14-03-2024 -

O concello ilumínase de amarelo o día da endometriose

O Concello de Fene tinguiuse de amarelo hoxe xoves 14 ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Endometriose. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de querENDO,  para conmemorar esta data e darlles visibilidade a todas aquelas que a padecen.
13-03-2024 -

Presentación de Cinza na Casa da Cultura de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, volven a Fene este venres para presentar na Casa da Cultura Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza. O acto, organizado pola Concellería de Cultura, comezará o venres ás 19.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.
13-03-2024 -

A terceira charla da Escola de Hábitos Saudables abordará este venres os mitos sobre unha alimentación saudable

A Casa da Cultura de Fene acollerá este venres 15 de marzo, ás 12 horas, unha nova charla da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración da Asociación Oncohematolóxica Por Máis Vida e do Concello de Fene. Nesta nova sesión, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre Mitos VS realidade sobre unha alimentación saudable. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.
13-03-2024 -

SFHIR recibe en Fene o premio Street Art Cities ao Mellor Mural do Mundo

O número 64 da Rúa da Fraga foi o escenario escollido para o acto de entrega do Premio ao Mellor Mural do Mundo, que tivo lugar este martes. Aló é onde se atopa “A violonchelista de Fene”, un mural de grandes dimensións obra do artista madrileño Hugo Lomas -coñecido como SFHIR- que conseguiu conquistar tanto ao xurado experto da plataforma Street Art Cities -que fixo a preselección de murais candidatos a pasar á final- como ao público xeral, que co seu voto fixo que resultase gañador.
12-03-2024 -

María del Mar Tomás fala este xoves sobre a resistencia aos antibióticos no ciclo Contando Ciencia

Innovación para vencer a resistencia antimicrobiana, é o tema da penúltima sesión do ciclo Contando Ciencia, que organiza a Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. A convidada nesta ocasión é a doutora en Medicina María del Mar Tomás Carmona. Falará este xoves, 14 de marzo, ás 19.30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Avda. de Conces, 20-22, Fene). Entrada libre e de balde até completar o aforo.
08-03-2024 -

A sororidade encheu o salón de plenos do Concello de Fene nun 8M reivindicativo

“Nin princesas, nin escravas”. Baixo este lema, a área de igualdade do Concello de Fene organizou unha xornada de actividades para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Un día no que en Fene as mulleres ergueron a súa voz, unidas para reivindicar uns dereitos e avances en políticas de igualdade “que non poden agardar máis”.
Durante hora e media, unha vintena de mulleres de Fene pasaron polos micrófonos dun programa especial de radio no que houbo espazo para a opinión, as reflexións e a reivindicación, pero sobre todo para a sororidade. A través de varios bloques temáticos abordáronse temas como o papel da muller no tecido asociativo, con representantes das diferentes entidades veciñais; na educación, coa participación das ANPAs, unha profesora e unha estudante; e as violencias contra a muller, no que falou unha vítima de violencia de xénero, unha policía, unha usuaria do programa de defensa persoal posto en marcha polo Concello e unha representante da Marcha Mundial das Mulleres.
08-03-2024 -

Moción de apoio ás reinvidicacións dos colectivos feministas con motivo do 8M

Cada 8 de marzo o movemento feminista internacional sae á rúa para reivindicar a igualdade de dereitos das mulleres, conseguindo nos últimos anos desenvolver mobilizacións absolutamente históricas.
O apoio en Galiza a todas as mobilizacións feministas foi multitudinario, o que demostra a fortaleza do movemento feminista galego, por iso hoxe, desde aquí, desde o Concello de Fene, facemos un chamado a todas as veciñas e veciños para que este ano tamén se conten por miles as persoas que esiximos a construción dunha sociedade máis xusta, e se sumen ás convocatorias que se farán en toda a comarca. 
07-03-2024 -

Como tratar os medos,celos e frustacións na infancia

O vindeiro luns, 11 de ,marzo, a Casa da Cultura de Fene acollerá a sesión “ Como tratar os medos,celos e frustacións na infancia”.

Para facilitar a asitencia das familias contamos, como xa ven sendo habitual nestas sesións, cun servizo de conciliación* que require inscrición previa.
07-03-2024 -

O alumnado da escola de cerámica da asociación Cerámica e Máis expón na Casa da Cultura de Fene

Auga, terra, aire e lume. É o título da exposición que se inaugura este venres, 8 de marzo, ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Fene. A mostra inclúe unha colección de pezas elaboradas polo alumnado da escola que dirixe a ceramista Carme Romero no seo da asociación Cerámica e Máis de Fene. Tralo acto deste venres, que será aberto ao público en xeral, a exposición poderá visitarse até o 29 de abril en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado). Durante a Semana Santa, o horario será: de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas (sábados, domingos e festivos, pechado).
06-03-2024 -

Fin de semana de oportunidades no Outlet Fene

Logo do aprazamento por mor do temporal de choiva e vento vivido na comarca a fin de semana pasada, a área de promoción económica do Concello de Fene vén de reprogramar para esta fin de semana (8, 9 e 10) a nova edición do Outlet Fene.
Trátase dun evento moi agardado pola veciñanza local e visitantes, no que unha vintena de establecementos ofrecerán produtos de calidade a prezos máis vantaxosos. Celebrarase o venres e o sábado, en horario de 10 a 14h e de 17 a 20h, e o domingo entre as 10.30 e as 14h.