Novas

12-07-2023

Cambio de ubicación do espectáculo de Fantoches Baj previsto para este venres

Por mor das previsións meteorolóxicas que anuncian choiva para os vindeiros días, a Concellería de Cultura de Fene anuncia que o espectáculo infantil “Chulises e o velocíclope”, de Fantoches Baj, representarase o venres 14 de xullo na praza do alcalde Ramón J. Souto González (baixo carpa), a carón da Casa do Concello (e non en San Valentín como estaba previsto inicialmente). A cita será a partir das 21.00 horas con entrada libre e de balde.
10-07-2023

O Xullo, mes da Patria continúa esta semana co certame de Habaneras e os espectáculos de Fantoches Baj e Touriñán

A rondalla Perla do Río, do CCRD de Perlío, Estrelecer, do CMI Unidade de Fene, e as corais polifónicas da ACRD o Pote de Maniños e da SCRD Agarimo de Sillobre, xunto co Tradicoro da Asociación Airiños de Fene subirán este xoves, 13 de xullo, ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral. O certame, organizado pola Concellería de Cultura no marco do ciclo “Xullo, mes da Patria”, comezará ás 20.30 horas na carpa instalada a carón da Casa do Concello. Entrada libre e de balde.
04-07-2023

O humorista Xosé Touriñán actuará na Praza do alcalde Ramón J. Souto González o sábado 15 no marco do ciclo Xullo, mes da Patria

O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 10.00 horas, comezará na Casa da Cultura de Fene (Avda. De Conces, 20-22) o reparto de invitacións para asistir ao espectáculo “Aquí tou!” que o actor e monologuista Xose Touriñán presentará en Fene o sábado 15, organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural). Entregaranse un máximo de 3 entradas por persoa ata esgotar as localidades dispoñibles. Dende a Concellería de Cultura lembran que a función, prevista para o día 15 de xullo, ás 22 horas, na Praza do alcalde Ramón José Souto González -a carón da Casa do Concello- está recomendada para público adulto.
03-07-2023

O ciclo Xullo, Mes da Patria inaugúrase este venres cunha festa infantil a carón da Casa do Concello

A Praza do alcalde Ramón José Souto González será o escenario este venres, 7 de xullo, da primeira actividade do ciclo que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. A festa infantil, a cargo de La Guagua, desenvolverase desde as 18 até as 21 horas e incluirá xogos acuáticos, festa da escuma, batallas con pó de cores, música, xogos xigantes, camas elásticas e inchables de auga. A entrada será libre e de balde. 
29-06-2023

O Concello de Fene leva o circo de rúa de Kote Malabar á Romaría do Camiñante

A tradicional Romaría do Camiñante que organiza a Liga de Amigos de Barallobre celébrase este sábado, 1 de xullo. Como complemento aos actos programados pola sociedade fenesa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo de circo de rúa a cargo de Kote Malabar. A función comezará ás 20 horas nos arredores do local da Liga de Amigos, con entrada libre e de balde.
 
28-06-2023

A exposición Pacto Verde Europeo amosarase na Praza 10 de marzo durante a primeira quincena de xullo

A mostra Pacto Verde Europeo do centro Europa Direct da Deputación da Coruña inicia este venres o seu terceiro verán de xira por concellos da provincia co obxectivo de “achegar á cidadanía de maneira didáctica e sinxela os obxectivos e medidas da política medioambiental e climática da Unión Europea”. A exposición pasará en primeiro lugar por Fene, amosándose do 30 de xuño ao 14 xullo na “Praza do 10 de marzo”, en San Valentín. O acto de inauguración terá lugar o vindeiro luns, 3 de xullo, ás 21.00 horas, presentándose durante o mesmo a performance “Europa Verde” con danza, acrobacias e malabares, ao son do himno europeo; así como a grabación dun vídeo. A exposición tamén ten unha dimensión interactiva con "A Aventura do Pacto Verde Europeo", un escape-room virtual destinado á infancia e mocidade, ao que se accede a través dun código QR.
22-06-2023

XXXVI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene convoca, coa colaboración do Concello de Fene, a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame, que naceu para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios, ten como obxectivo premiar un libro de autor inédito en lingua galega, promovendo así a inclusión de novas voces no sistema literario galego.
22-06-2023

Xullo, Mes da Patria no Concello de Fene

Cunha festa infantil na Praza do alcalde Ramón José Souto González comezará o venres 7 de xullo o ciclo “Xullo, mes da Patria” que engloba toda a programación organizada pola Concellería de Cultura de Fene ao redor da conmemoración do 25 de xullo, Día da Patria Galega. O ciclo incluirá o tradicional Festival de Habaneras e Canto Coral (13 de xullo), un espectáculo infantil a cargo de Fantoches Baj (14 de xullo en San Valentín), un monólogo a cargo de Xosé Touriñán (15 de xullo), concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra (20 de xullo) e Ataque Escampe e Familia Caamagno (21 de xullo). O programa concluirá o sábado 22 de xullo coa lectura, ao mediodía, da declaración institucional polo Día da Patria Galega -a cargo da exconcelleira, exdeputada provincial e actual presidenta da AVV de Limodre, Ana Santiago- e cun concerto pola noite de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán con entrada libre e de balde, agás o monólogo de Touriñán que será gratuíto pero con reserva previa de entradas e aforo limitado.
19-06-2023

Cambio de horario da Casa da Cultura de Fene

Coa chegada do verán, a Concellería de Cultura informa do cambio de horario da Casa da Cultura de Fene (Biblioteca Municipal, aula de estudo, Museo do Humor Xaquín Marín e sala de exposicións temporais) que coincidirá, como é habitual, co comezo das vacacións escolares. Así, a partir do xoves 22 de xuño (inclusive) e até o vindeiro 10 de setembro (inclusive), o horario da instalación será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas. Os sábados, domingos e festivos, a Casa da Cultura de Fene permanecerá pechada. O luns 11 de setembro retomarase o horario habitual da instalación.
09-06-2023

Listados Verán máis alá 2023

Rematado o prazo de matriculación provisional en Verán máis alá!, ao rexistrarse máis solicitudes que prazas dispoñibles por quincena, e aplicados os criterios de baremación (*) que rexen a adxudicación das prazas por cada quincena, procédese á publicación das persoas admitidas e excluídas na actividade:

-        Listado admitidos/as na 1ª quincena
-        Listado admitidos/as na 2ª quincena
-        Relación de persoas excluídas que conforman a lista de agarda