Novas

08-09-2023

Abre o prazo de solicitude das Axudas o Bono Bús Estudiantil

O Concello de Fene publica no BOP do 08/09/2023 o extracto da convocatoria do Bono Bus 2023/2024.  O prazo para entregar as solicitudes para o servizo de transporte e para a axuda económica será de 10 días naturais contados a partir de mañá.

O programa, que como novidade este ano incorpora a axuda tamén aos estudantes de formación profesional en centros públicos da cidade da Coruña, ten como obxectivo “facilitar o desprazamento diario de luns a venres no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado fenés universitario e de FP durante o curso 2023-2024”
05-09-2023

Axudas do Bonobús Universitario 2023-24

A Concellería de Cultura do Concello de Fene ven de informar que nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios e de formación profesional que cursen estudos en centros públicos da cidade da Coruña durante o curso 2023.

O programa, que como novidade este ano incorpora a axuda tamén aos estudantes de formación profesional en centros públicos da cidade da Coruña, ten como obxectivo “facilitar o desprazamento diario de luns a venres no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado fenés universitario e de FP durante o curso 2023-2024”. Para información ou consultas relacionadas coa subvención do Bonobús, a veciñanza pode chamar ao teléfono 981 340 366 ou contactar no mail cultura.deportes@fene.gal.
22-08-2023

As obras do certame de artesanía Antonio Fraguas chegan a Fene

A Casa da Cultura de Fene exhibe dende hoxe as obras que concorreron a XIV edición do certame de artesanía Antonio Fraguas, na súa edición do 2022. A colección está integrada por 25 pezas de disciplinas diferentes como a xoiería, a cerámica, a escultura e a costura.
22-08-2023

O mago Dani García actuará no ACRD O Pote de Maniños o domingo 27

O mago Dani García, nado no noso concello, traerá este domingo ao ACRD O Pote de Maniños, un  espectáculo de maxia, de humor, de clown e de inxenio. Un espectáculo inventivo, onde a maxia muda de estética, de ritmo ou de motivación para sorprender co imposible.

Será o 27 de agosto ás 12.30 horas.
 
 
27-07-2023

Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas para os festivais Felicia Pop e Fenerock

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e representantes das asociacións A.C. Felicia e Centolos A.C. reuníronse este xoves na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e ámbalas dúas entidades ao obxecto de organizar os festivais Felicia Pop Festival e Fenerock 2023. Convenios que, no seu conxunto, suman 22.000€, a razón de 11.000€ para cada unha das sociedades. Con estas aportacións, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar a organización de dous certames que, pola súa traxectoria e especial interese, son xa un referente no calendario de festivais de música en Galicia.
21-07-2023

Acto institucional e concerto coas bandas de gaitas Airiños de Fene e a de Ortigueira para festexar o 25 de xullo

O ciclo Xullo, mes da Patria pecha este sábado 22 de xullo cun programa que arrincará ás 13 horas no parque liñal do río Cádavo, coa lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria a cargo da exconcelleira e exdeputada provincial Ana Santiago e cunha ofrenda floral. Pola noite, ás 21 horas subirán ao escenario da Praza do alcalde Ramón J. Souto González Airiños de Fene e a Banda de Gaitas de Ortigueira. Dúas citas con entrada libre e de balde ás que, dende o Goberno Municipal de Fene, animan a participar a toda a veciñanza de Fene e bisbarra.
20-07-2023

Concertos de Ataque Escampe e Familia Caamagno na Praza do alcalde Ramón J. Souto González

Este venres 21 de xullo, ás 21 horas, será o segundo dos grandes concertos do ciclo Xullo, mes da Patria deste ano. Tralo paso por Fene de Trikitrí e Fillas de Cassandra (xoves 20 ás 21 horas) nesta ocasión subirán ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González os grupos Ataque Escampe e Familia Caamagno. Entrada libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
19-07-2023

O ciclo Xullo, mes da Patria continúa este xoves cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra

Os feneses Trikitrí, gañadores en 2022 do Certame Runas do Festival de Ortigueira, e Fillas de Cassandra, dúo vigués e unha das formacións de música galega con máis proxección nestes intres, actúan este xoves 20 de xullo, ás 21 horas, na praza do alcalde Ramón J. Souto González, a carón da Casa do Concello de Fene. O concerto encádrase no ciclo “Xullo, mes da Patria”e a entrada será libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
17-07-2023

Concertos e acto institucional na derradeira semana do ciclo Xullo, mes da Patria no Concello de Fene

Tralo éxito do espectáculo Aquí tou!, que o monologuista e actor Xosé Antonio Touriñán presentou en Fene este sábado, o ciclo “Xullo, mes da Patria” continúa esta semana cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra, o xoves 20 de xullo ás 21 horas, e Ataque Escampe e Familia Caamagno, o venres 21 de xullo ás 21 horas. O programa concluirá o sábado 22 coa lectura, ás 13 horas, da declaración institucional polo Día da Patria Galega e cun concerto ás 21 horas de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán -con entrada libre e de balde- na praza do alcalde Ramón José Souto González, agás o acto institucional que se fará, coma sempre, a carón do monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo.
13-07-2023

Alberto Ruíz de Samaniego fala este venres en Fene sobre arte e trastornos mentais

No marco da IV exposición do alumnado do laboratorio de creación artística Laudas Calamity que se amosa este verán no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene, o profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego, impartirá este venres unha conferencia sobre “Arte e trastornos mentais”. A charla será ás 12 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Fene, con entrada libre.