Novas

12-06-2020

A exposición “Mundos etéricos” de Rosa Salanova amosarase na Casa da Cultura de Fene ate o vindeiro 17 de xullo

Coincidindo coa reapertura do Museo do Humor, o vindeiro luns 15 de xuño abre ao público a sala de exposicións temporais ubicada na pranta baixa da Casa da Cultura de Fene. E faino coa mesma exposición que se amosaba nesta instalación municipal no mes de marzo cando se decretou o Estado de Alarma para a xestión da crise sanitaria provocada pola Covid-19. Segundo informa a Concellería de Cultura, a mostra “Mundos etéricos” de Rosa Salanova poderá visitarse do 15 de xuño ao 17 de xullo, de luns a venres e en horario de 10.30 a 14.00 horas.
Ademais, ao igual que para as visitas ao Museo do Humor, as persoas que queiran achegarse á exposición de Rosa Salanova deberán solicitar cita previa por teléfono (981 341 415 ou 981 342 400), Whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (museodohumor@fenecidadan.gal), concretando cos responsables municipais unha data e hora para o desenvolvemento da mesma.
09-06-2020

O Concello de Fene abre o prazo para participar no XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”

Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia deste martes 9 de xuño, o Concello de Fene informa da apertura do prazo para presentar obras a unha nova edición dos “Premios Curuxa” do Museo do Humor. As persoas interesadas en participar, poderán entregar ou remitir os seus debuxos ao Rexistro Xeral do Concello (Praza do alcalde Ramón José Souto González, s/n, Fene) até o vindeiro 10 de xullo.
Esta nova edición dos Premios Curuxa contempla dúas categorías: CURUXA, para maiores de 25 anos residentes no Estado español; e CURUXA-NOVA, para persoas de 16 a 25 anos residentes no
Estado español (as persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, CURUXA, extremo que implica a renuncia á categoría CURUXA-NOVA). Os/as participantes poderán presentar un só debuxo de temática libre, en formato: viñeta, tira ou cómic (máximo 1 páxina)

As obras presentadas a concurso deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7x42 cms (A3).
05-06-2020

A biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé e o Museo do Humor de Fene reabren ao público o 15 de xuño

Xa hai data para a reapertura da biblioteca municipal e Museo do Humor de Fene. Unha vez concluido o proceso de redacción, estudo e aprobación do correspondente protocolo e de adaptar a instalación para a nova “normalidade”, a Concellería de Cultura anuncia que será o vindeiro luns 15 de xuño. Tanto no caso da biblioteca coma no do museo, aplicaranse unha serie de medidas e cambios no funcionamento habitual dos servizos para garantir a seguridade de todas as persoas.
No que se refire á biblioteca, os servizos que se ofrecerán nun primeiro momento serán: préstamo de materiais, tramitación e recollida de carnés da biblioteca e consulta en sala restrinxida a fondos especiais, todo eles baixo o sistema de cita previa. Tamén se seguirá ofrecendo o servizo de información xeral e bibliográfica.

Ademais, as persoas usuarias que aínda teñan materiais emprestados na casa xa poden devolvelos no buzón de devolucións situado no exterior da Casa da Cultura, mesmo antes da reapertura do centro ao público. Se hai algunha dificultade para o seu uso ou teñen materiais que non poden ser depositados no buzón, a partir do luns día 8 poderán chamar aos números 981 34 23 02 / 607 625 346 - en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas-, ou escribir un correo a fene.rbgalicia@eidolocal.es para facilitar unha solución alternativa.

Ademais, anúnciase que, para facilitar o retorno de materiais, ata o 30 de xuño non haberá sancións nas devolucións.

Unha vez aberta a biblioteca, os materiais devoltos seguirán sendo depositados no buzón ou nas caixas ubicadas para ese cometido. Polo momento non se permitirán as devolucións no mostrador.

Todos os materiais devoltos poranse en corentena durante 14 días para asegurar a súa correcta desinfección. Non se poderán facer reservas de materiais prestados ou en corentena, ata novo aviso.
04-06-2020

Un Verán diferente

Coas limitacións que conleva organizar unha actividade nestes tempos de pandemia, a Concellería de Cultura do Concello de Fene presenta o campamento “Un verán diferente” que se desenvolverá no Colexio Centieiras de Perlío entre os meses de xullo e agosto. Con esta actividade, dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos, preténdese proporcionar unha alternativa de lecer educativo na nosa lingua á vez que facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Pero ademais, para preservar a saúde dos/as participantes, dende o Concello de Fene salientan que se aplicarán “as normas e protocolos que para este tipo de actividades decreten as autoridades sanitarias” e das que se informará antes do comezo da actividade.

“Un verán diferente” desenvolverase en dúas quincenas, do 15 de xullo ao 20 de agosto, de luns a venres (días laborais) e en horario, de 8:00 a 14:00 horas, aínda que se establecen dúas posibles quendas de incorporación dos nenos/as á actividade: “Madrugadores/as”, de 08:00 a 10:00 h. (os nenos e as nenas poderán incorporarse en frecuencias de media hora ao longo desta franxa horaria) e “Xogamos no exterior”, de 10:00 a 14:00 h (os nenos e as nenas terán que incorporarse ás 10:00 h e saír ás 14:00 h)

Por limitacións de aforo, organizarase o campamento en dúas quendas de aproximadamente unha quincena de duración –do 15 ao 31 de xullo e do 3 ao 20 de agosto- cun máximo de 40 prazas por quenda. Ademais, para favorecer a participación dun maior número de nenos/as só se poderá participar nunha delas. E como únicos requisitos, o Concello de Fene establece que os/as participantes deberán estár empadroados en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2020 ou estar matriculados nalgún centro de ensino do termo municipal no curso escolar 2019/2020.
12-05-2020

O Concello conmemora nas redes sociais o “Día das Letras Galegas”

Grazas ao labor do CMI Unidade de Fene e de Xosé María Pérez Parallé, en Fene vimos conmemorando o “Día das Letras Galegas” dende o seu nacemento en 1963. Dende aquela, á iniciativa do Círculo de Fene foron sumándose progresivamente o resto do tecido asociativo fenés, os centros de ensino e, a partir de 1979, as corporacións municipais democráticas.

Neste ano 2020, no que a pandemia obrigou a adiar ao 31 de outubro o plenario da Real Real Academia Galega que marca a conmemoración do Día das Letras Galegas, dende o Concello de Fene non queremos deixar de celebrar este 17 de maio de xeito virtual, a través das redes sociais e nas fenestras das nosas casas.

Nas redes sociais, a través da iniciativa que promovemos dende a nosa páxina de Facebook https://www.facebook.com/Fenequedanacasa/ e coa que pretendemos reconstruír a historia gráfica do Día das Letras en Fene dende 1963 até aos nosos días, proxecto no que contamos coa colaboración das sociedades e no que tamén queremos involucrar á veciñanza, pedíndolle que nos faga chegar calquera fotografía, vídeo, cartel ou outro material gráfico dalgunha das múltiples actividades relacionadas coa Día das Letras enviándonola por whatsapp ao 607 625 357 coa etiqueta #letrasgalegasfene2020.

Sen saírmos das redes sociais, sumándonos á proposta de Queremos Galego para “desconfinar o galego” o vindeiro 17 de maio a partir das 12:00 h, enchendo as redes sociais, nomeadamente o Twitter, con de mensaxes coas etiquetas #PrecisamosDoGalego, #QueremosGalego ou #EuFaloGalego.

Nas fenestras das nosas vivendas, pendurando a bandeira galega e cartaces para imprimir que se poden descargar no seguinte url https://www.queremosgalego.gal/2020/05/05/17-de-maio-cartaces-para-imprimir/

E non deixar pasar a ocasión para coñecer máis polo miúdo a historia do Día das Letras e ao autor homenaxeado neste 2020 entrando nas seguintes ligazóns:

Historia do Día das Letras
Carvalho Calero, biografía e obra
Ricardo Carvalho Calero na Aelg
Documental sobre Carvalho Calero, “Vieiros de esperanza” 
03-04-2020

O Concello de Fene pon en marcha a partir deste sábado o programa #Fenequedanacasa

O Concello de Fene pon en marcha a partir deste sábado o programa #Fenequedanacasa coa participación dos Departamentos de Cultura, Deportes, Arquivo, Administración electrónica e Biblioteca Municipal de Fene. Segundo avanzan dende o Goberno Municipal, o proxecto foi creado fundamentalmente para a veciñanza de Fene e vai encamiñado a facerlle máis doado este período de confinamento. A iniciativa artellarase ao redor da páxina de Facebook “Fenequedanacasa” e aglutinará distintas propostas socioculturais e de mantemento físico, así como iniciativas de interacción/socialización que contribúan a ocupar este tempo dun xeito saudable e socioculturalmente activo.
25-02-2020

As comparsas toman as rúas de Fene

O Entroido de Fene finaliza esta tarde co desfile e festival de comparsas que se desenvolverá polas rúas de Perlío e Fene a partir das 18 horas. O programa da xornada -festivo local no Concello de Fene- completarase coa lectura do Testamento e queima do Antón, coa presenza da “Viuva do Entroido”. E xa como fin de festa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo pirotécnico que dará paso á verbena nocturna, arrufada pola orquestra Panamá.

As dezaoito comparsas participantes no desfile deste Mércores de Cinza concentraranse na rúa Río Cádavo de Perlío ás 17.30 horas. Media hora máis tarde comezará o percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais, e Avda. do Concello, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González onde se desenvolvera o festival baixo carpa.
25-02-2020

Música e lambetadas para festexar o martes de entroido no Concello de Fene

Cunha festa infantil baixo carpa, o Concello de Fene continúa esta tarde coas actividades do seu Entroido 2020. Como é tradicional, os protagonistas deste Martes de Entroido serán os pequenos para os que se programou unha xornada de baile, música, xogos e lambetadas.
A festa desenvolverase de 17.30 a 20.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González con entrada libre. No descanso da mesma, procederase ao reparto de freixós, orellas, rosquillas, bola e torradas entre os pequenos que asistan.
21-02-2020

Dezanove comparsas participan no desfile do mércores de cinza

O Concello de Fene ultima os preparativos do seu Entroido 2020. A poucos días do arranque dos festexos, a Concellería de Cultura anuncia que, finalmente, serán dezanove as agrupacións que participarán no desfile de comparsas previsto para o mércores 26 de febreiro. Tamén se informa para ese día dun corte de tráfico, a partir das 17.30 horas (na rúa Río Cádavo), e a partir das 18.00 horas en Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais e Avda. do Concello, namentres dure o desfile de comparsas até a Praza do alcalde Ramón José Souto González.
19-02-2020

O Concello de Fene Conmemorará o vindeiro domingo o día de Rosalía

O parque de Rosalía de Castro, en Perlío, acollerá este domingo 23 de febreiro, ás 12.30 horas, o acto institucional que organiza o Concello de Fene con motivo do “Día de Rosalía”. Acolléndose un ano máis á proposta da Fundación Rosalía de Castro, dende a concellería de Cultura faise tamén un chamamento aos establecementos de hostalería do termo municipal para que se sumen á iniciativa e sirvan o domingo como tapa o “Caldo de gloria”, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”, de Rosalía.