Novas

14-09-2020

Asacocirco, David Amor e O Sonoro Maxín protagonizan o ciclo “Cultura no Camiño” de Fene.

A Concellería de Cultura retoma a súa programación levando ás parroquias e locais sociais actividades que foron reprogramadas por mor da pandemia


Os espectáculos desenvolveranse baixo a premisa da CULTURA SEGURA, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade.

A compañía Asacocirco, formada polos malabaristas Joao Alvim e Miriam Crespo, levará este sábado a San Valentín (fronte o local do CPS) o seu espectáculo Circo de Lume. Trátase da primeira función do ciclo Cultura no Camiño co que o Concello de Fene retoma a súa programación cultural tralo parón obrigado pola pandemia da Covid 19. E faino atendendo á máxima da “cultura segura” que garante a aplicación dos protocolos en materia de prevención da extensión da Covid definidos pola Xunta de Galicia para este tipo de espectáculos.
 
14-09-2020

O mércores 16 de setembro cambia o horario na Casa da Cultura de Fene, Biblioteca Municipal e Museo do Humor

Coa fin do verán, a Concellería de Cultura informa dos cambios no horario de apertura e atención ao público na Casa da Cultura, Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé e Museo do Humor.

A partir deste mércores, 16 de setembro, a biblioteca de Fene abrirá as súas portas de luns a venres, de 16 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 horas. Ademais, o servizo municipal retoma ese día a atención aos usuarios/as sen necesidade de solicitar cita previa. Manteranse, iso si, as demais medidas de protección fronte á Covid 19 como a obrigatoriedade do uso de xel hidroalcohólico ao acceder á instalación, uso da mascarilla durante todo o tempo no que se permaneza nela ou a necesidade de manter a distancia interpersoal de 2 metros cos demais usuarios/as do servizo e co persoal da instalación.

Tamén cambia o horario este mércores na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura, aula de estudo e Museo do Humor que abrirán as súas portas de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Tamén neste caso, poderá accederse á instalación libremente, sen necesidade de solicitar cita previa, pero deberán cumprirse todas as normas e recomendacións sanitarias derivadas da pandemia da Covid 19.
02-09-2020

As Queridas Donas de Isabel Seco Espada permanecerán na Casa da Cultura de Fene todo o mes de setembro

A sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acolle desde esta mesma semana o proxecto pictórico "Queridas Donas", da artista local Isabel Seco Espada. A colección, composta por pezas realistas e abstractas, reivindica a muller a través da figuración do sentimento e das situacións. Afouteza, valentía, resiliencia, paixón, ilusión, namoramento e liberdade, entre outras facetas, que se xuntan compoñendo unha mensaxe de plenitude feminina e feminista. A exposición pode visitarse en horario de 10.30 a 13.30h. de luns a venres até o 15 de setembro. Desde o 16 ao 29 os horarios serán de luns a sábado das 10 ás 13.00h. e de 16 a 21.00h. de luns a venres.
24-08-2020

Últimos días para visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición do XVI Premio Isaac Díaz Pardo de artes plásticas

Nestes días celébrase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Un creador e activista cultural que, ademais, lle dá nome ao certame anual convocado pola Deputación da Coruña para promover e promocionar as artes plásticas na nosa provincia. En 2019 o primeiro premio foi para o ferrolán Mauro Trastoy coa peza "7" que se pode ver na mostra aberta desde finais de xullo na Casa da Cultura de Fene canda ás dos outros once creadores e creadoras seleccionadas polo xurado. Cómpre bulir, xa que a exposición do XVI Isaac Díaz Pardo -que leva case un mes en Fene- marchará este venres para Brión. Para percorrela fai falla cita previa no 981 341 451. O horario: de 10.30 a 13.30h.
30-07-2020

O campamento “Un verán diferente” chega ao seu fin

Último día no campamento “Un verán diferente” que se está a desenvolver nas instalacións do Ceip Centieiras de Perlío coa asistencia de corenta e un nenos e nenas de Fene. Nesta derradeira semana, os/as participantes realizaron xogos de auga, actividades de equilibrio, xogos cooperativos e alternativos, obradoiros de volvoretas, herbarios e talleres de cociña saudable, entroutras actividades. Ademais, aproveitando o bo tempo, visitaron o parque Castelao. Para festexar a fin do campamento, os/as responsables da actividade programaron para hoxe unha xornada especial na que os nenos/as realizarán os seus xogos preferidos da programación.
24-07-2020

"Saúde e canta o paspallás"

Con estas verbas, a ceramista fenesa Carme Romero rematou esta tarde a lectura da declaración institucional do Día da Patria Galega, rememorando aqueles anos nos que "rematando a guerra do 36, o ser galeguista era tan perseguido que un grupo de amigos entre os que se atopaba Pérez Parallé", para se reunir usaban como contrasinal "Saúde e canta o paspallás". Durante a súa intervención, a impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va (Maniños), serviuse das súas experiencias vitais e profesionais para reivindicar o noso patrimonio material e inmaterial e, particularmente, a nosa lingua. No acto, que tivo lugar a carón do "Monumento 25 de xullo. Día da Patria Galega", no parque liñal do río Cádavo, a artista estivo acompañada polo alcalde de Fene Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, membros da Corporación Municipal de Fene e numerosos veciños e veciñas.
 
24-07-2020

Un verán diferente para corenta e un nenos e nenas de Fene

O campamento “Un verán diferente”, que se está a desenvolver nas instalacións do Ceip Centieiras de Perlío, chega ao seu ecuador cumprindo os obxectivos marcados pola Concellería de Cultura de Fene de combinar as actividades lúdicas, deportivas e educativas coa concienciación e o coidado hixiénico-sanitario dos/as participantes fronte á Covid-19. Ao longo desta semana, as nenas e nenos realizaron actividades nas hortas didácticas e na cociña solar de Aspaneps. Ademais, participaron en distintos xogos de auga e de psicomotricidade; realizaron experimentos e asistiron a talleres de cociña saudable, entroutras moitas actividades. Para seguir a evolución do programa, pódese consultar o blog de "Un verán diferente" onde se van publicando a diario información e fotografías das actividades realizadas.
24-07-2020

A exposición do XVI Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas amósase en Fene até o 28 de agosto

Xa se pode visitar na Casa da Cultura de Fene a exposición do XVI Premio Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas, promovido pola Deputación da Coruña. A mostra inclúe as pezas do artista gañador do certamen nesta edición, que resultou ser Mauro Trastoy, e doutros once creadores seleccionados polo xurado. Así, amósanse obras de Carlos Maciá, Marcos Costa Moreira, Mikel Vergara, José Luís Seara, Verónica Moar, Joan Morera, Pablo Barreiro ou Tatiana Medal, entroutros artistas.   O horario de visitas é de luns a venres, de 10.30 a 13.30 horas.
21-07-2020

O Parque Liñal do Cádavo acollerá este venres o acto institucional co gallo do Día da Patria Galega

Fene non renuncia neste 2020 a celebrar o 25 de Xullo, Día da Patria Galega, aínda que sexa cun acto sinxelo e adaptado ás novas medidas preventivas da COVID-19. A Corporación Municipal e maila veciñanza que queira participar do acto reuniranse no monumento que conmemora a data -situado no Parque Liñal do río Cádavo- para escoitaren a xa tradicional declaración institucional. Da súa lectura encargarase nesta ocasión a artista local Carme Romero Díaz, impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va, en Maniños.
15-07-2020

Comeza o campamento “Un verán diferente” con especial atención ás medidas de hixiene e prevención fronte á Covid 19

Corenta e unha nenas e nenos participan dende hoxe no campamento de conciliación da vida laboral e familiar “Un verán diferente” que organiza a Concellería de Cultura de Fene. O programa desenvolverase no CEIP Centieiras de Perlío até finais do mes de xullo e centrará o seu proxecto nas actividades ao aire libre, tal e como se recolle nas recomendacións e medidas para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación de COVID-19, publicadas pola Xunta de Galicia.