O artesán Fernando Couce dona ao Concello a maqueta do barco “Soberano dos mares”

O artesán Fernando Couce dona ao Concello a maqueta do barco “Soberano dos mares”

O alcalde, Gumersindo Galego, asinou o convenio de doazón da peza, a exposición dende hai uns anos na Casa da Cultura fenesa

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, recepcionou a semana pasada, trala sinatura do convenio de doazón, a maqueta de madeira do barco “Soberano dos mares”, realizada polo artesán local Fernando Couce.


O navío amósase xa dende hai uns anos no cubo acristalado sito fronte á porta de acceso á Casa da Cultura, froito dunha doazón temporal previa por parte do artista. Pero, coa sinatura do convenio o pasado xoves, a doazón da obra pasa a ser permanente.


A peza é unha maqueta de madeira de 190x200 cm que representa con moito detalle o barco inglés "Soberano dos mares". Este, foi un dos galeóns máis sobranceiros e ostentosos da armada inglesa do século XVII. Construído durante o reinado de Carlos I de Inglaterra, participou en grandes batallas contra os franceses, españois e holandeses nunha dura loita pola hexemonía marítima. Tiña 71 metros de eslora, 15 metros de manga e un calado de 7,2 metros.


Nesta liña, o alcalde destacou a calidade da obra e agradeceu moi especialmente en nome da veciñanza a doazón, un xesto xeneroso por parte do artista.