A Biblioteca municipal acolle este mércores o espectáculo “Príncipas e Princesos”

A Biblioteca municipal acolle este mércores o espectáculo “Príncipas e Princesos”

O xoves 17 de outubro abre o prazo de inscrición para o espectáculo “Maxia e libriños con Leo Leíño”, que terá lugar o Día das Bibliotecas

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé acolle mañá, 16 de outubro, o espectáculo “Príncipas e Princesos”, de Os Contos de Pablísimo. Trátase dunha actuación dirixida a nenos e nenas de 4 a 10 anos e que terá lugar ás 18,30 horas. O espectáculo fai unha sutil e divertida reflexión sobre a igualdade, procurando príncipes rosas e princesas azuis; contando contos de valentes princesas enfrontándose a dragóns e de príncipes que lavan a roupa e pasan o ferro.


Este espectáculo enmárcase no ciclo posto en marcha polo Concello de Fene para conmemorar o Día Internacional da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro. “Príncipas e Princesos” é a terceira das actuacións programadas dentro do ciclo, dirixido a un público infantil e que ten como obxectivo rachar con estereotipos de xénero, promover a lectura e agasallar tardes de diversión a nenos e nenas. Todas as actividades deste ciclo enmárcanse no programa “Ler conta moito‟, da Xunta de Galicia.

 

ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA “MAXIA E LIBROS”

A Biblioteca Pública Municipal Xosémaría Pérez Parallé tamén abre esta semana, en concreto o xoves 17 de outubro, o prazo de inscrición no espectáculo “Maxia e Libros de Leo Leíño”, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos. A actuación terá lugar o xoves 24 de outubro ás 18,00 horas e fai un percorrido, a través da maxia e dos contos, por historias incribles que farán descubrir aos participantes o universo sen límites que se agocha dentro dos libros. Todos os espectáculos teñen prazas limitadas, polo que é preciso formalizar a inscrición para cada un deles no mostrador da Biblioteca Municipal ou nos teléfonos 981342302 ou 607625346. A asignación das prazas será por rigorosa orde de inscrición.