O Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé acada a súa maior participación

O Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé acada a súa maior participación

Rematado o prazo de inscrición, presentáronse 65 obras. O xurado do certame ten previsto emitir o seu fallo os primeiros días de novembro

Os organizadores do Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé veñen de informar de que, rematado o prazo de inscrición, recibíronse un total de 65 obras orixinais, o que converte esta edición de 2019 na máis exitosa do certame. O fallo do xurado está previsto para os primeiros días do mes de novembro.


O Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé é convocado dende hai máis de 30 anos polo Círculo Mercantil e Industrial – Unidade de Fene. Faise como homenaxe á figura deste poeta popular e activista cultural, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas, unha xornada que fora instituída anos antes polas colectividades galegas no exilio en Montevideo.


Nos últimos anos, este certame premia un libro de poemas dun autor ou autora inéditos, contribuíndo así a dar saída a novas voces da poesía galega. A nómina de autores premiados inclúe xa nomes cun lugar de seu na literatura galega actual, como poden ser Mario Regueira, Xiana Arias, Lorena Souto, Susana Aríns, Ramón Neto, Míriam Ferradáns, Francisco Cortegoso ou Eduard Velasco.

Ligazóns