Fene promove a lectura e a igualdade cun ciclo de espectáculos infantís deseñado para conmemorar o Día das Bibliotecas

Fene promove a lectura e a igualdade cun ciclo de espectáculos infantís deseñado para conmemorar o Día das Bibliotecas

Esta semana comeza o prazo de inscrición para a primeira actuación, titulada Antón e Tomasa en “A Cabaza Encantada”, de Teatro Calavera

 A Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé vén de deseñar un ciclo de actividades cos que pretende celebrar o Día Internacional da Biblioteca, que se conmemora o 24 de outubro. Faino con catro actuacións que arrancan o vindeiro 27 de setembro, que van dirixidas a un público infantil e que teñen como obxectivo rachar con estereotipos de xénero, promover a lectura e agasallar tardes de diversión a nenos e nenas.

A última das actividades celebrarase o mesmo Día Internacional das Bibliotecas, o 24 de outubro. Nesa mesma xornada haberá préstamo dobre para todas as persoas usuarias que leven materiais en préstamo. Ademais, a biblioteca municipal prevé outras sorpresas para conmemorar a xornada.

O ciclo comezará o venres 27 de setembro a partir das 18:00 horas co novo espectáculo de Teatro Calavera. Titulado Antón e Tomasa en “A cabaza encantada”, trátase dun contacontos dirixido a nenos de 4 a 8 anos que remata cun obradoiro de cociña que rompe os estereotipos de xénero. A inscrición para asistir a este espectáculo comeza o 19 de setembro.

Andamiaxe protagoniza o segundo espectáculo do ciclo cunha actividade moi orixinal: “Un banquete con moito conto”. Trátase dun banquete de contos no que os comensais serán partícipes da súa elaboración e degustación. Será o mércores 9 de outubro ás 18:30 horas e vai dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 8 anos. Abre o prazo de inscrición o 1 de outubro.

Unha semana despois, o mércores 16 de outubro ás 18:30 horas, continúa o ciclo con Os contos de Pablísimo, que traerá a Fene o espectáculo “Principas e Princesos”, un contacontos moi orixinal que reflexiona sobre a igualdade e vai dirixido a un público de 4 a 10 anos. Abre o prazo de inscrición o 9 de outubro.

Este ciclo remata o día grande, o 24 de outubro ás 18:00 horas, co espectáculo “Maxia e libriños con Leo Leíño”, dirixido a nenos de 3 a 13 anos e que descubre á rapazada o que agochan os libros. A inscrición comezará o 17 de outubro.

Todas as actividades deste ciclo enmárcanse no programa "Ler conta moito", da Xunta de Galicia.


INSCRICIÓN Todos os espectáculos teñen prazas limitadas, polo que é preciso formalizar a inscrición para cada un deles no mostrador da Biblioteca Municipal ou nos teléfonos 981342302 ou 607625346. A asignación das prazas será por rigorosa orde de inscrición.