O Concello abre o prazo de matrícula nas escolas deportivas a próxima semana

O Concello abre o prazo de matrícula nas escolas deportivas a próxima semana

As inscricións para veciños de Fene arrancan o 16 de setembro para actividades de piscina e o 18 para as demais escolas municipais

O inicio do curso está previsto para o 1 de outubro 

O Concello de Fene abrirá a vindeira semana o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais que se celebrarán no curso 2019/2020, que se estenderá dende o 1 de outubro ata mediados ou finais de xuño, segundo os casos.

Este ano, o Concello de Fene ofrece un amplo abano de actividades, coma atletismo, pequedeporte, baloncesto, ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, pilates, rehabilitación funcional, judo, karate e ioga. Na piscina, ofrécese aquagym e natación para todas as idades (dende bebés ata maiores), para embarazadas, para o postparto e mesmo natación terapéutica.

Ademais, celebrarase o obradoiro deportivo de “Educación física contra a fatiga oncolóxica”, que promove a entidade Por+Vida. O prazo de inscrición no mesmo será do 18 ao 24 de setembro.

As persoas interesadas en participar nalgunha das escolas ou obradoiros deportivos deben dirixirse ao Pavillón de “A Xunqueira”, en San Valentín, para formalizar a súa matriculación, que se producirá en diferentes datas segundo a actividade e o lugar de empadroamento da persoa interesada.

Para as actividades na piscina, os veciños e veciñas de Fene deben formalizar a súa inscrición este luns, 16 de setembro. Ao día seguinte, as prazas dispoñibles estarán a disposición da poboación en xeral, independentemente do lugar de empadroamento.

O mércores 18 e o xoves 19 de setembro, as oficinas do pavillón de “A Xunqueira” acollerán as inscricións de veciños de Fene no resto das escolas deportivas ofertadas. E, para a poboación en xeral, o prazo de inscrición será entre o 20 e o 24 de setembro.

O horario de atención ao público do pavillón será de luns a venres de 8:30 a 14:00 horas, se ben os días 16, 18 e 23 de setembro tamén atenderán ao público entre as 16:30 e as 19:00 horas. A matriculación nas escolas deportivas farase por rigoroso orde de inscrición.

Descargas
Ligazóns