Presentación da VI Festa Mariñeira e do II Festival das Ondas con degustación de tapas de mar e a música de A Tribo das Flores

Presentación da VI Festa Mariñeira e do II Festival das Ondas con degustación de tapas de mar e a música de A Tribo das Flores

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, convida a vir a Barallobre este sábado ás 19 horas para tomar parte no acto

O concelleiro de Promoción Turística de Fene, Juan José Franco, convidou esta mañá á veciñanza a tomar parte este sábado 23 de febreiro nunha nova proposta de lecer do programa municipal “Vén a Fene”. Nesta ocasión, á parroquia de Barallobre. Alí, a partir das 19 horas e no local da Liga de Amigos de Barallobre, celebrarase o acto de presentación da VI edición da Festa Mariñeira e do II Festival das Ondas. Presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa participación do edil de Promoción Económica, César Castro, e do propio Juan José Franco, a entrada é libre.


Tras as intervencións, o público asistente poderá degustar algunhas das tapas de mar que se servirán novamente na Festa Mariñeira. Unha iniciativa posible grazas á colaboración das entidades que participan do evento. Entre as propostas gastronómicas, ameixas á mariñeira, tigres, vieiras ao forno, fabas con ameixas ou tortilla de ameixas. Así mesmo, o grupo local A Tribo das Flores, con Roger de Flor, Nico Vidal, Silvia Fralleoni, Sergio Galego e Amparo Arias, porán o broche de ouro coa súa música.


Franco quixo agradecer moi especialmente ao tecido asociativo a súa colaboración para facer posible citas como a Festa Mariñeira. Participan da mesma, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, Asociación de Veciños San Xurxo de Magalofes, AVV Limodre, SCRD Agarimo de Sillobre, Confraría de Pescadores, C Maniños SD, Amigos da Chave de Ferrolterra e Alfa Charlie Radio Club.