O Concello de Fene convida ós máis pequenos da casa a disfrutar este mércores dos Babacontos con María Victoria Moreno

O Concello de Fene convida ós máis pequenos da casa a disfrutar este mércores dos Babacontos con María Victoria Moreno

A narradora María Larraitz presenta en Fene este espectáculo, que dará comezo ás 18 horas na Casa da Cultura, con entrada libre e gratuíta

No marco da programación cultural deseñada polo Concello de Fene para conmemorar o Día das Letras Galegas 2018, a Casa da Cultura acollerá mañá mércores o espectáculo “Babacontos con María Victoria Moreno”, a cargo da narradora e actriz María Larraitz. Será a partir das 18 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Trátase dun espectáculo dirixido especialmente a nenos e nenas de 3 a 10 anos, e inclúese no programa “Cultura no Camiño”.

Contos de María Victoria Moreno forman gran parte do repertorio deste Babacontos. Utilizando as ferramentas da narración oral tradicionais, o público poderá coñecer algunhas das historias do libro Mar adiante, así coma contos/poemas de Eu conto, ti contas, e o amor que a autora tiña aos canciños e
tantos outros animais.

María Larraitz xogará a crear atmósferas poéticas, situacións que xorden da transformación da realidade, contribuíndo a iniciarse no mundo dos contos e do teatro a través da fantasía, da inventiva, da creación efémera e espontánea.

A narradora e actriz María Larraitz conta con máis de 25 anos de experiencia en espectáculos para público familiar. No seu percorrido profesional traballou con Babaluva, Fantoches Baj, Buratini, Cachirulo, Teatro do Liló, Os Quinquilláns e coa Productora Lúa Films fixo 60 capítulos, co papel do personaxe Pencas, para o programa de animación á lectura emitido na TVG Planeta Fantasía.