Fene sumarase este domingo á décima Xornada de limpeza simultánea de ríos

Fene sumarase este domingo á décima Xornada de limpeza simultánea de ríos

Para participar nesta X Limpeza simultánea é necesario inscribirse previamente chamando ao 607 911 139

X limpeza simultánea. 1 outubro 2017

A Xornada de limpeza de ríos "Móllate polos ríos" é unha iniciativa impulsada por ADEGA dentro do Proxecto Ríos coa que se busca concienciar á cidadanía e promover a súa implicación na conservación dos cauces fluviais.  Trátase dunha convocatoria que se desenvolve simultaneamente en distintos puntos de Galicia e á que todos os anos acoden centos de persoas voluntarias decididas a retirar dos cauces refugallos e materiais contaminantes. En Fene a limpeza farase en dous puntos: ao longo dun tramo do río Vaa, en Maniños, e no cauce do Cádavo comprendido entre o cruzamento da estrada da Palma e a Casa do Concello.  A saída está posta para as 10.00h. da rúa Unión-Soutovello no primeiro caso e, no segundo, da ponte da rúa Río Cádavo, preto da costa das Chancas. Para participar é necesario inscribirse previamente chamando ao  607 911 139.

A limpeza simultánea do Proxecto Ríos comezou en 2008 e desde aquela foi medrando en participación ano a ano. Na presente edición hai confirmada a colaboración de 65 entidades, entre asociacións veciñais, colectivos socioculturais e municipios, entre eles o Concello de Fene, a Asociación Betula e Aetna, que decidiron repasar os cauces dos ríos Vaa e Cádavo.

No Vaa, en Maniños, agárdase xuntar xente suficiente para facer dous grupos, un que vaia río arriba desde a rúa Unión-Souto Vello ata o Camiño do Conde e outro que faga a mesma tarefa río abaixo ata o lugar do Boado. Por outra banda, na zona urbana empezarase a limpar o Cádavo nas vivendas de Astano -Perlío- e irase subindo ata chegar á Casa do Concello. Estímase que en ambos cauces o labor estea rematado sobre as 13.30h. ou incluso antes no caso do Cádavo, onde o Concello interveu recentemente.

Desde a área de Medio Ambiente aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove-, botas e luvas. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial. Na web do proxecto podemos atopar moitos consellos de utilidade: dividir a limpeza por zonas e en grupos, separar por tipos o lixo recollido e, sobre todo, atender á seguridade.

En 2016 ADEGA logrou convocar en toda Galicia a 762 persoas voluntarias que limparon 48 tramos de río repartidos polas catro provincias. Deles retiráronse case 13 toneladas de refugallos de todo tipo. A organización ambiental contará este ano coa colaboración dunha vintena de concellos e a participación confirmada de 45 colectivos sociais, xunto coa implicación de Augas de Galicia,  da Confederación hidrográfica Miño-Sil e a do Instituto de Estudos do Territorio.