Doa sangue

Doa sangue

Tal e como vimos informando segundo os datos do SERGAS, Fene alcanzou en 2016 unha taxa de 32 doazóns por cada 1.000 habitantes. Unha cifra que está por debaixo da marxe de entre 40 a 60 recomendada pola Organización Mundial da Saúde.

Por elo animamos á cidadanía a participar na campaña de doazón que se desenvolverá hoxe martes e o mércores diante do Concello. Alí estará aparcado o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), que atenderá os dous días entre as 9.30 e as 14.30h. e de 15.30 a 21.00h.

A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non prexudica a nosa saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e, mesmo, salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA).

Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.

A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.

Para calquera consulta sobre a doazón de sangue ou coñecer os desprazamentos das unidades móbiles, o Centro de Transfusión de Galicia dispón da páxina web http://ctg.sergas.es e unha liña de atención telefónica gratuíta: 900 100 828.

Descargas