Isa Risco e Fran Rei promocionan Dous no Camiño polas rúas de Fene

Isa Risco e Fran Rei promocionan Dous no Camiño polas rúas de Fene

O espectáculo humorístico patrocinado por Turismo de Galicia representarase o luns  ás 20.00h. na Praza do Alcalde Ramón Souto González

Dous peregrinos atópanse facendo o camiño a Compostela e, a partir dese encontro e dos pasos que van dando, empezan a descubrir un itinerario cheo de historias e lendas contadas con moito humor. Iso é o máis que se pode resumir "Dous no Camiño", o espectáculo "mistico-circense" interpretado por Fran Rei e Isabel Risco que poderemos ver o luns 28 ás 20.00h. na Praza do Alcalde Ramón Souto González. Porén, no mediodía deste xoves xa puidemos ver unha pequena mostra do que pode dar de si, cos dous actores ataviados con cadanseu hábito e parando transeúntes en Perlío para convidalos persoalmente á representación. "Só podemos garantir unha cousa: que a xente se vai divertir. Ademais, ¿que plan hai mellor para un luns á tarde".

"Dous no Camiño" é unha obra a medias entre o clown e o teatro dirixida por Avelino González sobre un texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. A peza creouse especificamente para o programa de dinamización do Camiño Inglés "Vive o Camiño 2017", que levará nos próximos dous meses música e artes escénicas aos 18 municipios polos que pasa esta ruta e maila de Fisterra-Muxía.  

A programación iniciouse o mércores en Ferrol e ten como obxectivo "ser vehículo de transmisión dos valores xacobeos, tanto entre as persoas que están a realizar a ruta como a poboación galega", tal e como se sinala desde Culturactiva, a cooperativa que se encarga da execución das actividades.  

Neste sentido,  as funcións e concertos, con entrada de balde, servirán para pór en valor o Camiño Inglés, unha ruta que acolleu no que vai de ano unhas 7.600 persoas, o que a converte no quinto itinerario máis elixido para chegar a Compostela.  

Igual que en calquera ruta xacobea, Vive o Camiño irá por etapas e o luns 28 tócalle a Fene. A parada será ás 20.00h. na praza do Concello co espectáculo que este xoves estiveron promocionando por Perlío os seus dous únicos intérpretes: Fran Rei e Isabel Risco. Máis que promocionar, ámbolos cómicos asaltaron literalmente viandantes, bares e locais comerciais para chamar pola xente e, de paso, entregarlles o correspondente folleto con toda a programación de Vive o Camiño.

Preguntados sobre o contido de "Dous no Camiño", Risco e Rei respostan á par describíndoa como "unha experiencia místico-teatral-cómico-clown, por chamala dalgún xeito, na que descubriremos as lendas xacobeas, que son como unha superprodución hollywoodiense con moitísima chicha. Nós collemos esas lendas e contámolas como nunca, desmitificándoas e con moito humor".

"Dous no Camiño" estreouse  en Ferrol o mércores coincidindo co arranque do programa, onte xoves estivo en Neda, o domingo chegará a Cabanas e o luns, ás 20.00h. recalará en Fene. Canda estas vilas tamén se representará noutras 14 polas que pasa o Camiño Inglés e as da ruta a Fisterra.