Benestar e igualdade

Novas

  • O Fondo Galego pon en marcha en Fene o obradoiro “Todos os ODS son locais” para implementar a Axenda 2030

    O concello de Fene impulsará a implementación da Axenda 2030 no eido local a través do obradoiro ‘Todos os ODS son locais’, facilitado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’.
    A formación terá lugar o día 25 de abril de 10.00 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Avda Fene.
    A actividade esta dirixida a persoal político e técnico dos municipios, tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes, ANPA, etc. As administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada.
    O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica. Neste senso, informarase das liñas de financiamento dispoñibles e facilitarase o asesoramento necesario. As e os asistentes recibirán mesmo unha guía de apoio, alén de degustar café de comercio xusto no descanso.

  • Pautas de actuación para familias con menores en situación de risco, no ciclo Acompañar no reto de educar

    Intoxicacións, adiccións ou autolisis, son algúns dos temas que se abordarán o vindeiro luns, 15 de abril, nunha nova sesión do programa de apoio ás familias e de prevención de condutas aditivas que organizan os Servizos Sociais de Fene a través da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda. A actividade desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura, de 18 a 20 horas, e vai dirixida a todos os públicos, Anpas, entidades sociais, familias e preadolescentes. Ao fronte da mesma estará María Canabal Regueira, enfermeira, técnica superior en Emerxencias no 061, instructora de formación sanitaria e rescatadora sanitaria no GERA Galicia.

Ver máis