Dixomedíxomes
Perto dun cento de debuxos, caricaturas, viñetas de humor gráfico e ilustracións de Xoán Andrade Vilar (Betanzos, 1959) forman a exposición Pingas de humor crítico que se pode visitar na Casa da Cultura de Fene desde hoxe até o vindeiro 30 de maio. A mostra recolle unha pequena escolma do inxente labor desenvolvido polo artista e educador nas últimas décadas, traballos que tamén se poden ver no seu blog persoal. Pingas de humor crítico amosarase en Fene até finais do mes de maio en horario: de luns a venres, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas (domingos e festivos, pechado).
Se tes entre 8 e 18 anos e che gusta debuxar; se eres un apaixoado/a do cómic pero pensas que é difícil contar historias a través dos debuxos ou cres que as túas historias non son interesantes, xa podes anotarte ao obradoiro de banda deseñada que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín para conmemorar o Día dos Museos. A actividade, dirixida polo debuxante e humorista gráfico Santy Gutiérrez, está programada para o mércores 15 de maio, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en participar deberán anotarse enviando un correo a museodohumor@fene.gal indicando: nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. As inscricións realizaranse por orde de recepción de correos até completar o aforo (20 prazas). Actividade de balde cunha duración de 1,5 horas. Organiza: Concellería de Cultura de Fene.
O vindeiro luns, 29 de abril, pecha ao público a exposición Auga, terra, aire e lume, do alumnado da escola de cerámica que dirixe en Fene Carme Romero, no seo da asociación Cerámica e máis. Ao longo desta semana a mostra aínda pode visitarse na Casa da Cultura de Fene en horario: de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado, de 10.00 a 13.00 horas. “Pezas de cerámica realizadas ao xeito tradicional pero cunha visión actual” forman esta colección coa que nos mergullamos, en palabras de Carme Romero “na nosa cultura para crear pezas, figuras que nos representen, arte do pobo contemporánea; barro de Buño, da terra, decorado con engobes, barro sobre barro coas cores da terra e ás veces, brillos que espertan as cores”.